Nota de prensa:
A ÁREA DE BENESTAR FINANCIA CON 48.000 EUROS A PROXECCIÓN DE ESPAZOS INTERIORES NO CENTRO DA TERCEIRA IDADE DE MONFORTE
Na xunta de goberno se aprobaron addendas en convenios asinados entre a Deputación e concellos (Riotorto, Sarria e a Pobra de Brollón), ademais dunha modificación no convenio coa Fundación Manuel María
LUGO, 27 de decembro de 2010. Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, anunciou hoxe na rolda de prensa posterior á xunta de goberno que na mesma se trataron varios asuntos: un deles relativa á Área de Benestar, xa que ven de aprobarse o convenio que regulará a concesión dunha subvención ao concello de Monforte, por importe de 48.252 euros, para a dotación de equipamentos aos centros da terceira idade, no proxecto denominado “Proxección de espazos interiores no centro da terceira idade”. Tamén se aprobou a concesión dunha subvención ao concello de Monforte dentro da Área de Cultura e Deporte, por importe de 63.237 euros, que se destinará a sufragar as “Actividades culturais de verán 2010”.
O delegado de Cultura e Deporte deu conta, ademais, de que como asuntos de urxencia da xunta de goberno tamén se tratou a concesión dunha subvención ao concello de Barreiros, de 45.287 euros, que será dedicada a rehabilitación das escolas de Celeiro de Mariñaos. Estas escolas construídas nos anos 60, foron propostas polas asociacións de veciños do como centro social e cultural, xa que dende hai moitos anos xa non cumpren funcións de centro educativo.
Para a realización de actividades de promoción cultural recibe unha subvención o concello de Burela, por importe de 39.000 euros. Nese mesmo concello, apróbase a concesión dunha axuda de carácter excepcional por importe de 20.000 euros, que será destinada á reparación e mellora da casa da xuventude. E para a construción da pista de pádel de Burela, se concede ao concello unha axuda de 30.000 euros, grazas á cal, como explicou Veiga, “ven a completarse o complexo deportivo da Marosa, que xa conta con dous campos de fútbol, un de herba artificial e outro de herba natural, e unha pista de tenis. Por outra banda, o C.D. Foz recibirá unha axuda tamén aprobada nesta xunta de goberno, por importe de 24.400,60 euros, para o acondicionamento de aseos e vestiarios do campo de fútbol.
Na xunta de goberno tamén se acordou resolver a convocatoria de catro bolsas formativas en materia de monitores deportivos para a Área de Cultura e Deporte. Como explicou o delegado, “son 20.000 euros en total, 5.000 para cada bolsa, e os bolseiros son Cristina Somoza Argibay, Sesenando Guillermo Peinó Souto, Daniel Cordido Fernández e Alejandro Polo Lugilde”. Aprobouse a relación de bolseiros suplentes, en orde de prioridade.
Modificacións
Na xunta de goberno, chegouse ao acordo de levar a cabo varias modificacións nalgúns dos convenios aprobados. Dous deles atinxen ao concello de Riotorto: o primeiro polo convenio para levar a cabo a dinamización dos centros veciñais, quedando establecido que o prazo para presentar a documentación xustificativa remate o día 30 de xuño de 2011; o segundo, relativo ao chamado “Plan do ferro”, e o prazo para presentar a documentación xustificativa remate o día 30 de xuño de 2011 para as actuacións realizadas ata o 31 de maio de 2011 e o 31 de marzo de 2012 para o resto das actuacións correspondentes ao ano 2011.
Outras addendas aprobadas refírense, por unha banda, ao convenio entre a Deputación e o concello de Pobra de Brollón, para a rehabilitación do polideportivo municipal. Esta modificación, como explicou Veiga, “tamén se refire aos prazos, quedando establecido o prazo para a execución da obra fixado até o 31 de decembro de 2010 e o prazo para a presentación da documentación xustificativa, comezará unha vez asinado este convenio e finalizará o día 31 de xaneiro de 2011.
Outras modificacións se realizaron no convenio que a Deputación asinou co concello de Sarria, en canto as obras pendentes de execución para adaptación do cárcere comarcal. O delegado de Cultura e Deporte anunciou que “se modificaron varias cláusulas: a cuarta, onde se especifica cales se consideran gastos subvencionables; a décima, onde se especifica a documentación xustificativa que ten que presentar o Concello; a décimo primeira, onde se especifican os prazos para a presentación da documentación, que queda establecido no día 31 de maio de 2011, e a décimo quinta, onde se especifica a vixencia do convenio.
Por último, aprobouse tamén na xunta de goberno a modificación da cláusula novena do convenio entre a Fundación Manuel María de Estudos Galegos e a Deputación, para a adquisición e reforma da casa de Manuel María, quedando fixada no 30 de maio de 2011 a data límite para a presentación da documentación acreditativa da titularidade da Fundación sobre o inmoble obxecto de subvención antes do comezo das obras. A este respecto, Antonio Veiga explicou que “a achega da Deputación para esta reforma foi de 275.000 euros, e fíxose en 2 anualidades, e participaron, ademais da Deputación de Lugo, a Deputación da Coruña, o concello de Monforte, o de Lugo e o de Outeiro de Rei: é dicir, todos cos que Manuel María mantivo unha intensa relación”. Aclarou que “a día de hoxe ainda non sabemos si a Deputación de Ourense vai colaborar co proxecto de reforma da casa de Manuel María”.