Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste 8 millóns de euros para crear máis de 700 postos de traballo con “Lugo Emprega”

Nota de prensa:
A Deputación inviste 8 millóns de euros na creación de máis de 700 novos postos de traballo con “Lugo Emprega”

– A ambiciosa iniciativa reducirá o número de parados en Lugo e aumentará a cooperación cos Concellos, xa que os contratados realizarán labores de mantemento e mellora dos servizos municipais durante 6 meses

– O número de traballadores por entidade local variará en función da taxa de poboación activa e do número de desempregados no municipio

– O Plan será aprobado polo Pleno o vindeiro martes e só un día despois abrirase o prazo para que os municipios oficialicen a súa adhesión ó Plan

– “Lugo Emprega” súmase a outras actuacións coas que a Deputación crea emprego na provincia, como o Pacto Provincial polo Emprego, e que suman preto de 12 millóns de euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves un novo plan de emprego, “Lugo Emprega”, co que o organismo provincial reducirá o número de parados na provincia e aumentará a cooperación cos Concellos. O Pleno do vindeiro martes aprobará esta ambiciosa iniciativa, dotada con 8 millóns de euros, e que dará traballo a máis setecentos desempregados de todos os municipios de Lugo durante 6 meses. Gómez Besteiro subliñou que “é unha boa noticia para 2011 para a redución de emprego e cooperar cos motores da provincia e os nosos máis íntimos aliados: os Concellos. É un Plan que pola súa cuantía e ambición non ten precedentes en Galicia, e resposta ós retos do Presuposto do vindeiro ano. É unha aposta forte e decidida co que a Deputación dá un paso ó frente para solucionar un problema, porque cada emprego é un triunfo e unha verdadeira victoria ”.

Para a adxudicación dos recursos, a Deputación terá en conta as taxas de poboación activa e de desempregados inscritos nos Concellos. O plan ten dous obxectivos: reducir o número de parados na provincia e aumentar a cooperación cos Concellos que están a pasar unha delicada situación económica, provocando unha redución na prestación de servizos públicos. Por iso, o perfil das máis 700 persoas que se contratarán serán, fundamentalmente, operarios oficiais que prestarán o seu servizo en labores de mantemento, conservación e mellora dos servizos públicos de carácter municipal.

Para a contratación do número de traballadores, hai dous casos diferenciados:

a) No caso dos municipios de máis de 5.000 habitantes e con máis de 500 persoas en paro, a Deputación asumirá o custe total da contratación, pero deberán ser as entidades locais as que se encarguen da selección dos traballadores, formalización dos contratos e adxudicación de destino ós beneficiarios co material necesario correspondente.

b) Nos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de medio milleiro de desempregados, a Deputación non só financiará a contratación, senón que realiza a selección dos traballadores porque os Concellos pequenos non dispoñen de todos os recursos para facelo.

Cronograma do Plan

Gómez Besteiro confirmou que o Plan estará operativo a finais de xaneiro, de tal xeito que a contratación dos desempregados comezará na segunda quincena de febreiro. Un día despois de ser aprobado polo Pleno, que se celebrará o martes 28, a Deputación enviará por rexistro unha comunicación oficial a todos os Concellos para que se adhiran ó Plan, quenes terán un prazo de sete días para efectuar a súa decisión, que é absolutamente improrrogable.

A Deputación realiza este investimento millonario sen aumentar a débeda pública. Isto significa que non temos que recurrir a préstamos ou operacións de crédito e, por tanto, non encarece a situación económica da Deputación. “A boa xestión levada a cabo permitiunos poñer en marcha o Plan Extraordinario de Obra Pública e agora un novo plan extraordinario de emprego: Lugo Emprega”.

Neste senso, o Presidente destacou a importancia de que agora máis ca nunca, é preciso que as administracións públicas realicen un maior esforzo inversor para contribuir á recuperación económica e mellorar o índice de ocupación laboral. “Non como están a facer outros, que so conceden obradoiros de emprego en determinados sitios. Pola contra, nós facémolo con todos os Concellos porque o paro afecta a todos”.

Recuperación do Arquivo da Deputación

Con “Lugo Emprega”, a Deputación tamén actuará nun ámbito que ó longo do tempo non tivo a atención que merece no só como ferramenta administrativa senón como medio de conservación da historia da institución e, por tanto, da provincia. Trátase do Arquivo da Deputación.

Dos 8 millóns de euros, destinaranse 250.000 á creación do obradoiro de documentación “Os arquivos do Pazo” no que traballarán 14 persoas, que se suman ás 4 existente. Estará a pleno rendemento a finais de febreiro e nel levaranse a cabo a catalogación e dixitalización da documentación do Arquivo existente.

Situarase no Centro de Servizos Múltiples, situado no antigo hotel Miño, ó carón do paseo fluvial, concretamente no edificio número 3. Tal e como explicou o Presidente, este espazo reúne as condicións necesarias, xa que previamente correxíronse as deficientes condicións de estanqueidade e as filtracións existentes que se producían na cuberta do edificio e dotouse de medidas de seguridade axeitadas, tapiando ocos e fiestras e instalando un sistema de alarma e 4 cámaras de vixilancia que están conectadas coa central da Deputación.

Case 12 millóns para o emprego

“Lugo Emprega” súmase a outras actuacións coas que a Deputación reduce o paro na provincia, e que en total suman preto de 12 millóns de euros. É o caso do Pacto Provincial polo Emprego, dotado con 3,4 millóns. Neste caso, en xaneiro comezarase coa formación dos 540 desempregados que se insertarán laboralmente nas profesións con máis futuro na provincia, e que foron previamente diagnosticadas.

Exit mobile version