Nota de prensa
A Deputación edita a primeira publicación de Galicia que recolle todos os Camiños que pasan pola provincia
– Trátase de “Rutas a Santiago pola provincia de Lugo”, unha guía que enmarca se dentro de Km0 a Compostela; o programa co que o organismo provincial se converteu na 1º administración cunha programación previa ó Xacobeo e polo que pasaron unhas 1.000 persoas
– Preto de 300 fotografías amosan o patrimonio cultural e turístico dos 33 Concellos polos que pasan as catro Rutas, incluída a de Inverno malia que aínda non foi recoñecida oficialmente pola Xunta
– Como colofón ó Ano Santo, a Deputación presentará este sábado no Castelo de Pambre esta publicación da que editaron 1.000 exemplares que serán distribuídos como agasallo institucional e a todos os municipios do Camiño
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da autora e Presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, e doutro dos colaboradores, Horacio Rouco, presentaron este martes a primeira publicación de Galicia que inclúe todos os Camiños que pasan pola provincia. Trátase de “Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo”, a guía editada polo organismo provincial dentro do programa Km0 a Compostela que puxo en marcha o 1 de setembro de 2009 para promocionar as Rutas Xacobeas de Lugo, converténdose na primeira administración cunha programación previa e estable ó Ano Santo.
Gómez Besteiro destacou que “esta publicación é o colofón a todo o traballo desenvolvido ó longo deste ano. Pensamos que o potencial de Lugo non pasaba por ter un só Camiño senón pola suma de todas esas Rutas. A nosa forza real radica nos 800 quilómetros que temos, polo que entre por onde entre o peregrino para ir a Santiago atopa lugares espectaculares, e isto non supón establecer que uns sexan mellores que outros. O Francés está moi asentado, pero ten que haber outros. Ademais, máis alá de 2010 ten que haber vida. Precisamente, Lugo está subindo na súa proxección turísitica e non só polo Ano Santo”.
A publicación contén preto de 300 fotografías que amosan todo o patrimonio turístico, e artístico dos 33 Concellos polos que pasa o Camiño, ademais dunha completa descrición dos catro itinerarios e daqueles desvíos ou rutas secundarias dos que é inexcusable a súa visita, xa que teñen un alto valor e interese medioambiental e patrimonial. En total, editáronse 1.000 exemplares que serán distribuídos en todos os municipios polos incluídos na Ruta Xacobea e será empregado como agasallo institucional da propia Deputación.
Apoio ó Camiño de Inverno
A guía inclúe os catro Camiños: o Norte, que aspira a ser Patrimonio Mundial en 2012, o Primitivo, o Francés e o de Inverno malia que aínda non foi recoñecido oficialmente pola Xunta de Galicia. Neste último caso, o anterior goberno autonómico rompera unha lanza a favor presentándoo por vez primeira como Ruta Xacobea na Feira de Turismo de Valladolid e comprometendo o custe da sinalización con pizarra.
Neste senso, o Presidente destacou que “esta publicación servirá para que obteña a distinción pola que todos estamos loitando. Trátase de sumar e non de restar e agardamos que os 4 Camiños sexan un verdadeiro potencial para a provincia. Nós imos por diante e outros deberán seguir esta estela, e a iso os animamos”.
A este respecto, Aida Ménendez subliñou que “a publicación será unha referencia bibliográfica das rutas xacobeas pola provincia”, e agradeceu a colaboración da Deputación por incluir o Camiño de Inverno, a diferenza do que está a facer o goberno autonómico. A Asociación que preside mantivo varias xuntanzas co Conselleiro de Cultura e en xuño de 2009 presentou un escrito na Xunta para que o departamento autonómico distinguise a este itinerario coa denominación de “Ben de Interese Cultural” como paso previo á declaración oficial.
“Non nos deron contestación a esa solicitude nin sabemos como está a xestión. Non queremos que deixen a documentación enviada no caixón. Penso que é o momento de impulsado, xa que estar de espaldas a esta potencia que temos no sur de Lugo non é de recibo”. A este respecto, o Presidente puntualizou que “das 295 páxinas que ten o libro, 60 están adicadas a esta Ruta”.
Posta en valor do Castelo de Pambre
O máximo mantario provincial tamén anunciou que esta mesma publicación será presentada este sábado, a partir das 12:00 horas, no Castelo de Pambre, en Palas de Rei. “Eleximos este lugar por dous motivos: porque é o último Concello do Camiño Francés da provincia de Lugo e porque así contribuímos a poñer en valor unha das mellores mostras da arquitectura medieval que existe en Galicia e das poucas que quedaron en pé trala revolta irmandiña”.
O acto, aberto ó público en xeral, estará ambientado na época medieval, tal e como esixe o contorno. Para iso contarase coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño. Están convidados todos os Alcaldes e Concelleiros da provincia, autoridades autonómicas, todas as casas de turismo rural da provincia, albergues, asociacións culturais, proveedores de Km0, centros de ensinanza da provincia, incluídos os Universitarios, e todos os veciños da comarca da Ulloa, que residen nos Concellos de Monterroso, Palas e Antas de Ulla.
1.000 persoas fixeron o Camiño en Lugo
A Deputación puxo en marcha o 1 de setembro de 2009 o programa Km0 a Compostela, a través do que unhas 1.000 persoas fixeron o Camiño de Santiago en Lugo, ademais doutras personalidades con ampla repercusión mediática dentro do deporte e da vida social galega e española como: as Cantareiras de Ardebullo e Roberto Vilar, a alpinista Chus Lago, o ex-xogador de baloncesto Fernando Romay e o plantel do Leite Río Breogán, os campións nacionais de rallye, Sergio Vallejo e Luis Moya; ou colectivos como a Sociedade Española do Corazón –SEC- e ONCE Galicia; dos directores de medios de comunicación de Galicia, ou autoridades como o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla.
No mes de setembro a Deputación tamén presentou o primeiro libro que vende a riqueza medioambiental de Lugo na súa totalidade e que recolle as 127 rutas de Km0”; o programa iniciado en 2008 e co que o organismo provincial matén uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos na provincia, “polo que este libro vén a ser un complemento extraordinariamente importante a esta Biblia verde”.