Nota de prensa
O Consello de SUPLUSA acorda os Concellos onde se construirán os 10 primeiros centros para maiores
– O órgano, conformado por representantes de todos os grupos políticos, fixounas, coa abstención do Partido Popular, en: Trabada, Riotorto, Meira, Guitiriz, Castroverde, Ribas do Sil, Pol, O Saviñao, Pedrafita e Navia de Suarna
– Os municipios seleccionados forman parte dun estudo técnico que detecta os territorios máis despoboados. Son Concellos nos que non actúan outras administracións. “Perseguimos complementar a acción da Xunta, e facer fronte ó déficit poboacional no rural”·
– Besteiro adianta que nos vindeiros días os Alcaldes recibirán o acordado co fin de que decidan se queren adherirse á iniciativa, asinar os convenios da cesión dos terreos en xaneiro, e comezar coas obras de todos os centros en 2011
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deu a coñecer este luns a decisión do Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) para construír as 10 primeiras residencias con centros de día para persoas maiores. O órgano, formado por representantes de todos os grupos políticos, acordou, coa abstención do Partido Popular, fixalas nos Concellos de Trabada, Riotorto, Meira, Guitiriz, Castroverde, Ribas do Sil, O Saviñao, Pol, Pedrafita e Navia de Suarna.
Gómez Besteiro salientou que “cumprimos co noso compromiso, e celebramos a reunión do Consello en decembro para a posta en marcha das primeiras, e non as únicas, 10 residencias e centro de días para a terceira idade na provincia. Para a selección deste Concellos cumpríronse varios parámetros: que os municipios foran obxecto dunha preselección mediante un informe técnico que detectaba a necesidade destas infraestructuras como símbolo da posta en valor de territorios que sofren o fenómeno do despoboamento e, ó mesmo tempo, que foran capaces de xerar emprego. Ademais, outros dos parámetros foi que non se compartiran con outras administracións, é dicir, que non fosemos actuar onde o están a facer outras institucións”.
O organismo provincial, malia que as competencias nesta materia son responsabilidade da Xunta de Galicia, realiza unha aposta decidida polo impulso da economía da provincia a través do benestar social, investindo 12 millóns de euros nestas infraestruturas. O Presidente salientou “buscando a complementariedade do que non fan outras administracións, ou que o fan noutros sitios, actuando en Concellos que non teñen case nada, e buscando esa función equilibradora que debe cumprir esta Deputación, investimos 2 mil millóns das antigas pesetas nestas infraestruturas”.
“Complementar a acción da Xunta”
As 10 primeiras residencias e centros de día situaranse en pequenos municipios, preto dos centros das vilas para favorecer que os residentes participen na vida das mesmas, e terán capacidade para unhas 25 persoas no caso das residencias, e de 15 nas instalacións de día. Ó respecto, o Presidente incidiu en que “ata o de agora, a tendencia era focalizar estes centros en cabeceiras de Comarca. A Xunta ten residencias en Burela, Castro de Rei, Monforte de Lemos e Quiroga, e prazas concertadas en centros privados de Chantada, Guntín, O Incio, Lugo, Láncara, Monforte de Lemos, Pastoriza, Sober, O Valadouro, Vilalba e Xove. Ademais, A Fonsagrada e Becerreá esperan que a Xunta cumpra coa súa palabra levando novos centros, e A Mariña vén reivindicando esta acción. Foz vai a dar novos pasos na elaboración do proxecto co convenio de 1 millón de euros da Deputación. Perseguimos complementar a acción da Xunta, e facer fronte ó déficit poboacional no rural lucense”.
“Mutuas obrigación”
SUPLUSA, entidade dependente da Deputación, encargarase das súas obras logo de que o Pleno provincial aprobase por unanimidade a encomenda de xestión. Os Concellos, pola súa banda, deberán aportar os terreos e os servizos urbanísticos, así como participar no financiamento dos gastos de construción mediante unha aportación de 200.000 euros, o 14% do custe total de cada centro que ascende a 1.400.000 euros. O Presidente destacou que “iniciamos un camiño de mutuas obrigacións” xa que os Concellos son corresponsables, e adiantou que nos vindeiros días, enviarase ós Alcaldes o acordado polo Consello co fin de que decidan se queren adherirse á esta iniciativa para logo, no mes de xaneiro, asinar os convenios que permitan a cesión dos terreos, adxudicar as obras coa máxima axilidade, e comezar a construír todos os centros para maiores en 2011.
O titular provincial explicou que, no caso de non haber acordo cos municipios seleccionados, recuperaríase a listaxe dos 23 Concellos da provincia preseleccionados mediante un informe técnico elaborado en 2010, que detectaba os territorios da provincia que están a sufrir un maior despoboamento demográfico, e nos, polo tanto, é máis necesario este tipo de infraestruturas para frear este fenómeno mediante a creación de novos postos de traballo.