Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación anuncia que das 34 estradas provinciais pechadas ao tráfico 26 están libres

Nota de prensa

A Deputación afirma que o dispositivo despregado para atender as incidencias por neve sempre estivo ó máximo rendemento

– O organismo provincial repartiu 126 toneladas de sal dende o día de onte na rede viaria, na que están a traballar máis de 60 operarios e uns 90 vehículos para garantir a seguridade dos usuarios

– O traballo realizado polas empresas adxudicatarias do mantemento das estradas permitiu que arestora tan só 8 estén pechadas ó tráfico

– Debido a que a Xunta non está a limpar os seus viais, os servizos provinciais tiveron importantes problemas para atender a un vehículo que quedou atrapado na estrada que comunica Triacastela con Guilfrei

– A Deputación recomenda circular con precaución por toda a rede viaria e mantén en alerta o dispositivo despregado para atender os problemas que poidan xurdir nas vindeiras horas

As empresas adxudicatarias do mantemento da rede viaria provincial continúan a traballar ininterrumpidamente para atender as incidencias ocasionadas pola neve que caeu nas últimas horas e que está a afectar principalmente ós municipios da Montaña. Por tanto, as críticas realizadas polo Partido Popular nas que afirmaba que as cuñas quitaneves están paradas son totalmente falsas, xa que todo os dispositivo despregado está a pleno rendemento dende primeiras horas da madrugada.

Ademais, estas empresas están obrigadas a que se algunha das máquinas sufre algún tipo de avaría, o seu reparo ten que ser inmediato. No caso de que isto fose imposible e de que a emerxencia fose extrema, a Diputación ten preparados e dispostos os reforzos do Parque Móbil, que se desprazarían no menor tempo posible á zona afectada.

Pola contra, os servizos provinciais non están a ter a suficiente colaboración da Xunta de Galicia, xa que tiveron importantes problemas para quitar a un vehículo que quedou atrapado na estrada da Deputación que vai de Triacastela a Guilfrei. Precisamente, o tempo de chegada ó lugar dilatouse debido a que as vías que dependen do goberno autonómico están totalmente inaccesibles pola cantidade de neve almacenada, o que obrigou previamente ás máquinas quitaneves da Deputación a limpar un treito da estrada da Xunta e a rescatar a 4 vehículos que se saíron da vía e quedaron bloqueados pola neve.

O traballo realizado polo Deputación ó longo de todo o día permitiu que das 34 estradas provinciais que estaban pechadas ó tráfico pola mañá, agora só 8 están impracticables. Son as CPs 0101 no Valadouro, 0104 en Mondoñedo, 1906 en Fonsagrada, 3601 en Negueira de Muñiz, 3502 e 0708 en Navia de Suarna, e 1304 e 4502 en Pedrafita do Cebreiro.

O organismo provincial repartiu 126 toneladas de sal dende o día de onte. En total, están a traballar máis de 60 operarios e uns 90 vehículos para garantir a seguridade dos usuarios que circulen pola rede viaria provincial.

Tendo en conta as previsións meteorolóxicas, a Deputación recomenda circular con precaución por toda a rede viaria e manterá en alerta o dispositivo despregado para atender as incidencias por neve e xeo que poidan xurdir ó longo das vindeiras horas.

Exit mobile version