Nota de prensa
RAQUEL ARIAS VISITA AS OBRAS DE REFORMA E AMPLIACIÓN DE SERVIZOS QUE SE ESTÁN A LEVAR A CABO NO HOSPITAL DA COSTA
* A Consellería de Sanidade executa proxectos por valor de 1,5 millóns de euros neste centro, na planta de tocoxinecoloxía, a cuberta do edificio e as unidades de farmacia e arquivo
Burela, 30 de decembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe as obras que a Consellería de Sanidade está a levar a cabo no Hospital da Costa, que suman un investimento de 1,5 millóns de euros e afectan á planta de tocoxinecoloxía, á cuberta e ás unidades de farmacia e arquivo.
A delegada explicou que a Xunta desenvolve dous proxectos de mellora simultáneos neste centro sanitario. Por un lado, inviste 615.400 euros nunha actuación que inclúe a ampliación das unidades de farmacia e arquivo, gañando un espazo que antes estaba inutilizado, así como o saneamento da estrutura da rampla anexa a estes servizos e a reposición da cuberta do edificio.
Así mesmo, está tamén en obras a planta de tocoxinecoloxía, na que se invisten preto de 900.000 euros. Polo que respecta a este servizo, Arias afirmou que a área de obstetricia estará lista en xaneiro e que, de continuar co bo ritmo actual, o resto das actuacións poderían estar finalizadas en marzo.
A delegada incidiu na “aposta da Xunta de Galicia pola sanidade pública”, e en concreto “por incrementar en cantidade e calidade os servizos dos hospitais comarcais”. Como exemplo, engadiu, “sinalar que neste ano tamén se dotou a este hospital de dous novos ecógrafos de alta gama, para radioloxía e xinecoloxía, e dun ecocardiógrafo, ademais de estar en proceso de adquisición un mamógrafo dixital”.
Igualmente, están xa previstos novos investimentos de cara ao vindeiro exercicio, cando se acometerá a reforma de urxencias, do laboratorio, os accesos á zona de radioloxía e o servizo de admisión. Estas obras terán un custo superior aos 350.000 euros.
“Todos estes proxectos -subliñou Arias- están pensados para procurar aos usuarios deste hospital os máis avanzados servizos médicos no marco dunhas instalacións modernas e coa mellor atención posible”.
A delegada lembrou que, no tocante ás listas de espera, os pacientes máis graves -de prioridade 1- esperan unha media de 15 días para ser operados, o que representa un dos mellores datos da comunidade autónoma.
“Neste sentido, debo destacar o sacrificio e a implicación dos profesionais do centro, que son os que co seu esforzo diario manteñen un alto nivel de calidade na prestación de servizo”, indicou.
O obxectivo fundamental de todas as actuacións desenvolvidas e planificadas pola Consellería de Sanidade, concluíu, “é o de solucionar os problemas de saúde dos mariñáns o máis cerca posible, e tamén da forma máis resolutiva”.