Nota de prensa
A DELEGACIÓN DE COMERCIO DESTINA 4.500 EUROS AOS PREMIOS DA CAMPAÑA DE NADAL A UN PASO DE TI O NOSO COMERCIO, QUE FOI PRESENTADA ESTE MEDIODÍA.
Burela, 1 de decembro de 2010. A Delegación de Comercio destina 4.500 euros aos premios da campaña de nadal que foi presentada hoxe baixo o lema A un paso de ti o noso comercio.
O concelleiro de Comercio, José González Legazpi, manifestou que “se premia a compra no noso comercio cun total de 3.000 euros, se premia o maratón fotográfico con 1.000 euros e se premiará ao escaparate do comercio gañador con 500 euros. O lema da campaña deste ano é A un paso de ti o noso comercio, buscamos así a proximidade, a cercanía, a importancia do comercio tradicional e o apoio do Concello e da Delegación de Comercio aos sectores económicos locais”.
O edil nacionalista explicou que “desde hoxe o persoal municipal repartirá polas tendas os tickets que recibirán os clientes que fagan as súas compras en Burela para que a partires do venres os comercios os poidan distribuir. Eses boletos entrarán no sorteo de 3.000 euros en premios para gastar desde o 14 de xaneiro ata o 28 de febreiro no comercio de Burela. O sorteo celebraránse o vindeiro 14 de xaneiro”.
González Legazpi engadiu que “con esta campaña buscamos potenciar os recursos do noso comercio e posibilitar o achegamento a Burela de persoas para mercar nos nosos establecementos. É unha campaña que ven a establecer posibilidades de venda nunha época tan importante como o nadal”. E subliñou que “se segue a facer tamén un esforzo importante na iluminación de nadal, é máis vistosa que a doutros anos e leva consigo un aforro importante ás arcas do Concello no sentido de que procuramos potenciar o emprego de tecnoloxía LED, o que representa menor consumo (un 50%) e como consecuencia menos custe, ademáis de ser máis respectuosa co medio ambiente”. A iluminación poráse en marcha cara mediados de decembro.
Do 10 ao 31 de xaneiro estarán expostas na Casa da Cultura as fotografías que concurran ao maratón fotográfico.