Site icon Crónica3.com A Mariña

A Confederación Intersindical Galega non asinou o novo ERE de Sargadelos

Nota de prensa:

A Confederación Intersindical Galega non asinou o novo ERE de Sargadelos

O venres ás 15:30 horas tivo lugar o encontro entre a Dirección da empresa e o Comité de Empresa na Fábrica de Sargadelos en Cervo para negociar o novo ERE temporal de reducción de xornada. A Dirección da empresa fixo entrega neste acto da documentación pertinente. As condicións propostas para este novo ERE, isto é, duración de 1 ano, redución do 20% da xornada anual e nº de afectados (93) xa foran anticipadas pola Dirección e aceptadas polo conxunto dos traballadores en asemblea celebrada o 17 de novembro.
Para a CIG o ERE de suspensión temporal é a mellor opción, e de feito recordóuselle á Dirección da Empresa que a proposta alternativa dos sindicatos ante o ERE de extinción era unha redución de plantilla mediante xubilacións anticipadas e unha redución de xornada para o resto do persoal. A CIG reiterou a súa petición de que fosen readmitidas as oito persoas que foron despedidas en aplicación do ERE de Extinción que vai quedar en suspenso. Recalcou que seguirá a defender esta postura en todos os ámbitos, pois é inxusto que sufran as consecuencias dun ERE que resulta moi cuestionable como se demostra nas argumentacións do recurso de alzada contra o mesmo presentado pola CIG. A empresa non debería esperar a que dende a administración se lle obrigue a readmitir a esas persoas, debería tomar a iniciativa voluntariamente pois o mais xusto é que o esforzo pola viabilidade da empresa se reparta entre toda a plantilla por igual e non se lle cargue a maior parte ás oito compañeiras e compañeiros despedidas.
As condicións do novo ERE foron ratificadas na asemblea que se celebrou as 18h. tras finalizar a reunión coa Dirección. Posteriormente, ás 19 h., reuniuse novamente a Dirección co Comité para redactar a acta de peche do período de consultas. A CIG, na súa intervención, solicitou que a acta recollese a nosa postura a respecto das readmisións e que se nos dese un prazo de 48h para poder revisar a documentación entregada esa mesma tarde pola Dirección. Tanto Dirección coma os outros sindicatos presentes no Comité negáronse a concedernos esas peticións, motivo polo cal vímonos obrigados a non asinar a acta. A actitude dos outros sindicatos non nos sorprendeu excesivamente pois é habitual que teñan máis presa por pechar as negociacións que a propia Dirección, e en canto á readmisión dos despedidos para eles é un tema “superado”. De feito xa non participan das concentracións dos xoves nas que pedimos a readmisión e por se quedaba algunha dubida, tiveron a “xentileza” de pedirlle á empresa para os despedidos unha figuriña como se lles da aos que se xubilan. Sen comentarios. Pero, en canto pospoñer a sinatura, non acabamos de entender esta decisión, pois non existe unha urxencia tal que impida ese mínimo aprazamento (o ERE inicia a súa aplicación en xaneiro do 2011). Consideramos que sería unha irresponsabilidade pola nosa banda asinar o peche deste período negociador renunciando á nosa obriga de analizar os centos de folios da documentación aportada horas antes pola Dirección.
Foi para nos a constatación de que se antepoñen certos intereses sobre o que debería ser o primordial, e que se deixou escapar, e xa van moitas, outra oportunidade de avanzar xuntos na busqueda de solucións que despexen o futuro da empresa e dos seus empregados.

Exit mobile version