Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Deportes de Foz explica as xestións realizadas para contar cun campo de herba artificial

Nota de prensa

Califico de bochornosa e pouca elegante a forma que ten de entrar o candidato do Partido Popular de Foz na política local. Quen tería que estar ofendida sería eu, posto que xa desde principios do ano 2009, estiven en contacto co responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, D. Antonio Veiga, para xestionar a posibilidade de que Foz contara cun campo de herba artificial. En concreto, desde o Concello rexistrouse a 30 de xaneiro, un escrito* á Area de Deportes da Deputación Provincial, para transmitir a miña preocupación xa que o campo de fútbol municipal sufría un gran desgaste na tempada invernal (adestran varias categorías do C.D. Foz e outros clubs e asociación), o que causaba que ás veces se atopara en malas condicións, que podía conlevar a lesións dos nosos deportistas.

Supoño que o señor Javier Castiñeira tiña coñecemento desta petición, pois foi moi comentada no noso pobo, entre a xente do deporte. Entenderei que a súa idea, para o seu programa electoral, xurdiu da miña proposta á Deputación Provincial. Dubido, polo tanto, do seu inxenio e imaxinación e aclárolle que, neste Concello, se traballa sobre as necesidades que detectamos e nos transmiten usuarios de instalacións e veciños do noso Concello.

Xa que tanto se preocupa agora polas deficiencias do noso Concello, recomendaríalle que nos botara unha man co seu Partido na Xunta de Galicia, porque foron 2 veces neste ano as que nos denegaron as subvencións que o Concello solicitou en materia deportiva: arranxo pista de skate, arranxo pista polideportiva de Fazouro, porta de pavillón Torques de Marzán e dotación de aparcabicis, así como equipamento dos vestiarios do pavillón Torques de Marzán.

Fai unhas semanas na Comisión do Parlamento da Xunta de Galicia, a unha enmenda presentada polo PSdeG-PSOE, o Partido Popular votou en contra da dotación de herba artificial ao campo municipal de Foz, así  como dunha residencia con centro de día no noso Concello. Non entendo, que tendo tanta preocupación polo estado do noso campo municipal, non lles gustara a idea aos do seu Partido.

O que si lle teño que dicir, é que para o que si obtivemos subvención, cando gobernaba o Bipartito, foi para remodelación integral dos vestiarios e duchas do pavillón Torques de Marzán. E tamén obtivemos subvención, por parte da Deputación, para remodelar integramente os vestiarios e almacéns da pista polideportiva Campo da Cabana.

Para rematar pediríalle un pouco de respecto para as persoas que si estamos traballando polo noso Concello, sen ningún tipo de electoralismo.

——
escrito* á Area de Deportes da Deputación Provincial

D. Antonio Veiga

Excma. Deputación de Lugo – Área de Deportes

Dna. ROSA ALONSO RODRÍGUEZ, Concelleira de Xuventude e Deportes do Concello de Foz,

Diríxese a vostede para comunicarlle que no noso Concello o fútbol é un deporte de fonda tradición e que congrega a un número moi elevado de persoas na súa práctica. A Asociación Deportiva Santiago de Foz (60 alumnos/as), o C.D. Foz (74 xogadores) e a Asociación Deportiva Cultural e Recreativa do C.D Foz (Veteranos do C.D. Foz, sobre 30 xogadores) utilizan durante toda a tempada as diferentes instalacións deportivas das que dispón o Concello de Foz.

Actualmente o noso campo de fútbol municipal, sito en Malates, sofre un gran desgaste polos adestramentos e competicións destes clubes, aumentado polos torneos que se celebran en diferentes épocas do ano (Torneo Costa Nova, Torneo de Infantís,…) Desafortunadamente, o terreo no que está asentado dito campo non é o máis axeitado, polo que a súa rexeneración é moi difícil, sobre todo na época invernal.

Reuníndonos cos clubes de fútbol do noso Concello, barallando opción para que este campo puidese estar en condicións óptimas para a práctica deportiva e non poñer en perigo a integridade física de ningún deportista,  chegamos á conclusión de que a substitución da herba por un composto sintético, sería o máis axeitado para o correcto desenvolvemento da actividade deportiva neste campo municipal.

Somos partidarios da práctica deportiva sobre herba natural, pero neste caso, cremos que a mellor opción para este campo, dadas as súas condicións e o seu deterioro pola grande actividade que soporta, é convertelo nun campo de herba artificial.

Para o Concello de Foz supuxo unha grande inversión a construción desta instalación, así como o acondicionamento da zona e vémonos imposibilitados a acometer o gasto que suporía a substitución do terreo por herba artificial.

Por todo isto é que SOLICITAMOS á Excma. Deputación Provincial de Lugo, unha axuda para poder levar a cabo este proxecto do que se beneficiaría unha gran cantidade de persoas na súa práctica deportiva cotiá.

Agardando contar coa súa implicación neste proxecto, aproveito a ocasión para saudalo moi atentamente e agradecerlle a súa colaboración en anteriores ocasións.

Foz, a 30 de xaneiro de 2009

Exit mobile version