Nota de prensa
A COMISIÓN INFORMATIVA DE URBANISMO ANALIZOU A CONFIGURACIÓN DOS NÚCLEOS RURAIS, QUE CAMBIARON COA APROBACIÓN DA LEI DO SOLO DE GALICIA, E PECHOU A PROPOSTA DE PXOM PARA ENVIAR Á DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO.
Ribadeo, 21 de decembro de 2010. O salón de plenos do Concello acolleu unha nova xuntanza da comisión informativa de urbanismo, na que se avanzou no debate e no traballo que levará á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “se abordaron cuestións importantes no encontro deste 21 de decembro para pechar xa a proposta a enviar á Dirección Xeral de Patrimonio co fin de obter o informe favorable ao documento”. O rexedor lembrou “as xuntanzas que mantivemos os técnicos da empresa redactora Eptisa, os técnicos municipais e eu mesmo en Santiago nos últimos meses con Patrimonio para ir avanzando na elaboración do documento. Agora espuxemos o sentido no que irá a nosa proposta e entre todos asentimos en enviar a definitiva para que se pronuncie a Xunta”.
Outros dos asuntos analizados foron “os criterios sobre a configuración dos núcleos rurais, que cambiaron coa aprobación da Lei do Solo de Galicia. Eptisa trouxo unhas propostas para ir traballando neste sentido e neso seguiremos nos vindeiros meses ata decidir si todos os cambios constitúen unhas modificacións substanciais e se é necesario ir unha exposición pública ou non. En resumo, de momento estamos adaptando os cambios que a Lei do Solo produciu”.
A comisión informativa de urbanismo seguirá a reunirse en datas vindeiras “para aprobar o PXOM de Ribadeo”.