Nota de prensa
A CIG-Ensino gaña de novo as eleccións sindicais na comarca da mariña
A CIG-Ensino consigue na Mariña mellores resultados que nas anteriores eleccións, con máis do 42% dos votos
Ribadeo a 10 de novembro de 2010.- A CIG-Ensino gaña de novo as eleccións sindicais do ensino na comarca da Mariña, incrementando substancialmente os seus apoios ao conseguir 297 votos de 710 profesores/as que votaron. Estes resultados representan máis do 42% dos votos emitidos, máis dun punto con respecto ás últimas eleccións. Na provincia de Lugo e no total de Galiza os resultados foron tamén na mesma liña obtendo unha clara maioría sindical.
Á vista dos resultados, a CIG quere agradecer publicamente a confianza e o apoio que o profesorado da Mariña nos vén de outorgar xa que significa un recoñecemento explícito ao traballo desenvolvido durante estes anos e unha adhesión ás reivindicacións e propostas defendidas pola CIG-Ensino, así como un aval ao único modelo sindical galego, participativo e que conta coa opinión do profesorado.
A CIG-Ensino interpreta estes resultados como un rexeitamento das medidas que a Consellaría tomou nestes dous últimos anos referentes ao ensino público e que afectou gravemente as condicións do profesorado e do alumnado da Mariña. Entre esas decisións están a de suprimir dous ciclos formativos en Foz e Viveiro, suprimir unha unidade de primaria en Burela, a reforma das EOI, a supresión da escola unitaria de Vieiro, a eliminación do comedor escolar de Ourol ou a supresión da modalidade presencial de adultos en Ribadeo, Foz ou Burela e que supuxo a eliminación de máis de 21 postos de traballo docentes neste curso. Tamén supoñen un voto contra medidas regresivas como a supresión da gratuidade dos libros de texto, a liquidación da xornada reducida en xuño e setembro ou falta de apoio aos alumnos con necesidades educativas especiais. Cómpre, pois, que a Consellaría dea un xiro importante as súas políticas educativas e deixe de lado as súas formas autoritarias e impositivas e retome inmediatamente o diálogo e as negociacións daqueles temas que avancen na mellora da calidade da ensinanza.
Para a CIG-Ensino estes resultados tamén significan un suspenso á política lingüística da Consellaría de Educación, cando ela mesma condicionaba os resultados que a CIG obtivera nestas eleccións coa valoración do profesorado galego ás súas actuacións en materia linguística. Pois ben, o SI maioritario á CIG representa un NON rotundo ao trato do galego pola Xunta do PP. Por iso, a CIG vai a reclamar da Consellaría un cambio desta política totalmente agresiva co noso idioma, comezando pola retirada do actual Decreto de Plurilinguismo e pola restitución do apoio ao galego no ensino e de forma particular ás equipas de normalización linguística dos centros.
A CIG-Ensino, despois destes resultados tan positivos, vai a seguir traballando na mesma liña que o fixo ata agora combatendo os ataques que se produzan contra o ensino público e reivindicando a mellora das condicións laborais do profesorado e da calidade do ensino na Mariña na procura dun ensino público, galego, laico e gratuíto.