Site icon Crónica3.com A Mariña

Xente do mundo cultural galego apoian a SOS Sanidade Pública

Nota de prensa
Xente do mundo cultural galego apoian a SOS Sanidade Pública

Antonio Durán “Morris” (actor), Antón Patiño (pintor), Antón Reixa (artista e
promotor cultural), Avelino González (actor), Carlos Branco (actor), Cesareo
Sánchez (escritor), Fermín Bouza (sociólogo e escritor), Marilar Alexandre
(escritora), Manuel Quintana Martelo (pintor), Manuel Rivas (escritor), Maria
Reimondez (escritora), Menchu Lamas (pintora), Patricia Vázquez (actriz), Pilar
García Negro (filóloga), Suso de Toro (escritor), Uxía Senlle (cantante), Xurxo
Souto (músico).

SANIDADE PÚBLICA OU BARBARIE PRIVATIZADORA

Os servizos públicos como a sanidade, a educación públicas, a asistencia social, son
conquistas da cultura humanista, logros de xeracións de traballadores e traballadoras e da
cidadanía no seu conxunto. Forman parte dos valores que debe defender calquera sociedade
que crea na xustiza social, das cousas que nos dan orgullo, que nos fai sentir que vivimos
nunha sociedade un pouco máis xusta que outras. Son o legado que nos deixaron as
xeracións anteriores e son, tamén, froito do noso esforzo. Sentimos orgullo dos nosos
servizos públicos, sentimos orgullo da nosa sanidade pública, porque é boa, porque nos
atende ben, porque podía atendernos aínda mellor cunha política que a coidase e porque,
ademais, é nosa.
No tempo de malas colleitas roldan os raposos e baixan os lobos do monte, este é o tempo
no que temos que defender a nosa sanidade pública dos que veñen trabar nela mostrando
os dentes. Este é o tempo no que temos que defender a sanidade pública da barbarie, tanto
ten que a barbarie se nos presente coas mellores maneiras, veñen ao que veñen, veñen a
por ela.
Será a nosas xeración quen vexa como lle tiran das mans o que é público, de todos? Será a
nosa xeración quen permitan que llo rouben, pura e simplemente? Pois seguirá a haber
sanidade, mais será de propiedade deles, duns poucos. O noso pasará a ser seu. Non se trata
dunha destrución, trátase dun roubo. Agora, cando entramos nun centro de saúde pública
entramos na nosa casa, cando privaticen a sanidade entraremos na tenda de outros e
seremos os seus clientes. Primeiro ven o roubo, logo virá ademais o termos que pagar.
Un roubo tan enorme diante dos nosos ollos non pode realizarse sen facelo ás agachadas e
buscando coartadas, a coartada quere ser a crise económica. Coa desculpa da crise
económica, o goberno galego está a traernos a Galicia a política das administracións
“Gurtel”, a política sanitaria que xa fan en Madrid e Valencia: reducen os orzamentos para a
sanidade e ao tempo meten o capital privado nas novas infraestruturas sanitarias. Arruínan
primeiro o público para privatizalo logo e facer negocio. As consecuencias son nefastas para
a poboación do noso país:
Retraso na apertura do hospital de Lugo, que o vai facer nacer xa privatizado en parte;
retrasos e privatización no novo hospital de Vigo e na ampliación do Complexo Hospitalario
de Pontevedra; privatización dos novos centros de saúde; avanzados proxectos de
privatización da alta tecnoloxía radiolóxica e dos laboratorios; privatización, privatización, …
Non hai dúbida que padecemos unha crise, sábeno mellor que ninguén os traballadores que
son quen a paga sen ter culpa ningunha na súa orixe; precisamente por iso é máis preciso
que nunca que a administración escoite aos sindicatos, ás organizacións sociais, aos
cidadáns. Por iso chamamos ao conxunto da cidadanía a que se faga ouvir e apoie á
plataforma “SOS Sanidade Pública”, a plataforma que nos representa a todos os que
estamos pola defensa e a mellora da sanidade pública galega. Por iso nos, xente da cultura
galega, apoiamos a manifestación convocada en Compostela, o próximo domingo 21 de
novembro, por “SOS Sanidade Pública” en defensa do que é noso e que nos queren quitar
para faceren o seu negocio. Defendemos a nosa sanidade pública.

Exit mobile version