Nota de prensa
PRETO DE 500 ALUMNOS DE OITO CONCELLOS GALEGOS CHEGARÁN A BURELA PARA PARTICIPAR NA SEMANA DE CIENCIA QUE INAUGURARON HOXE NEVES CANDO E MANUEL DÍAZ.
Burela, 9 de novembro de 2010. Preto de 500 alumnos de oito concellos chegarán estes días a Burela para participar na semana da ciencia. Ademáis de montar e programar un robot móvil poderán participar no terceiro concurso galego de robótica. A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, e o presidente de Ingaciencia, Manuel Díaz Regueira inauguraron esta cita hoxe pola mañá.
A edil nacionalista sinalou que “con motivo da celebración da semana da ciencia a Institución Galega de Ciencia (Ingaciencia) organiza A maxia da robótica que se desenvolverá en colaboración coas Delegacións de Cultura e Xuventude do Concello de Burela e que terá lugar desde hoxe ata o sábado na Casa da Xuventude”.
Cando explicou que “o obxectivo deste obradoiro é achegar á xente nova e á cidadanía en xeral o mundo da robótica facéndoo comprensible e resaltando a súa importancia e as implicacións no seu propio futuro. Para iso bríndase a oportunidade de participar en grupo na montaxe e programación dun robot móvil e así de maneira sinxela e divertida o alumnado participante familiarizarase tanto cos robots como coa linguaxe da robótica”. A responsable de Cultura e Xuventude dixo que “para este obradoiro non é necesario ter coñecementos en programación electrónica porque está integrada nun chamado ladrillo intelixente e a programación faise nun contorno visual sinxelo para que ata os máis pequenos poidan construir e deseñar os seus robots, dando paso despois á montaxe e á parte de programación ao tempo que se pretenden que sintan a paixón pola aprendizaxe”. Neves Cando engadiu que “os rapaces e rapazas participantes intégranse nun grupo no que deben compartir obxectivos e realizar un traballo colaborativo para poder resolver as tarefas que se lles propoñen, ao longo da experiencia presentaránselles varios desafíos que debe resolver. Ao remate do obradorio, que terá dúas horas de duración para cada grupo, terán acadado un número de puntos que lles permita optar os premios do terceiro concurso galego de robótica 2010”.
Esta proposta está dirixida aos estudiantes de educación secundaria e aos do terceiro ciclo de primaria dos centros educativos de Galicia. Durante esta semana van participar neste obradoiro alumnos de centros de ensino de Ferrol, Lugo, Castroverde, Baralla, Cervo, San Cibrao, Burela, Xove, Ares e Castro Caldelas. Un total de 484 alumnos pasarán durante estes días por Burela e o sábado 13 de novembro ás 11 da mañá será a fase libre do terceiro concurso de robótica e ás 12 horas terá lugar a entrega de premios. Igualmente durante esta semana e ata o venres o público en xeral tamén poderá disfrutar desta Maxia da robótica en horario de 18 a 19 horas na Casa da Xuventude.