Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha delegación do BNG visitou as zonas afectadas pola vaga de mar na Mariña

Nota de prensa:

Unha delegación do BNG visitou as zonas mais afectadas da comarca polos efectos do temporal de vento e choiva da pasada madrugada

Os nacionalistas lamentan o falecemento dunha persoa en Burela

Os nacionalistas urxen tanto ao Goberno Galego como ao do Estado a habilitar partidas económicas que permitan recuperar as infraestruturas danadas e os bens dos particulares

A Mariña, 9 de novembro de 2001. Unha Delegación do BNG na que participaron o Parlamentar, Fernando Blanco, o membro do goberno da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, o concelleiro e portavoz municipal en Cervo, Xoán Antón Estúa, e membros da Executiva Comarcal do BNG, valoraron hoxe en San Cibrao despois de visitar diferentes puntos da comarca afectados polo temporal os seus efectos. Os nacionalistas en primeiro lugar lamentaron o falecemento dunha persoa en Burela e deron as condolencias á súa familia e anunciaron unha batería de iniciativas para paliar os efectos do temporal na costa, tanto a nivel do goberno galego como do estatal.

Pesar polo falecemento dunha persoa en Burela e autopsia con dúas horas de espera

Poñendo por diante o pesar do BNG diante do falecemento dunha persoa en Burela e as condolencias á súa familia, a delegación nacionalista denunciou a tardanza de mais de dúas horas na realización da autopsia ao ter que desprazarse dende Lugo a equipa de especialistas e que polo tanto os problemas nas eivas neste servizo na comarca segue existindo.

Falta de previsión coa neve, coas inundacións e agora co ciclón

Despois de visitar diferentes zonas da comarca afectadas polo temporal, o BNG denunciou en San Cibrao que vaga de temporal, “aínda que agardada non foi prevista en toda a súa intensidade, algo que xa ven sendo unha reiteración dende a chagada do goberno do PP á Xunta, nin inundacións, nin nevaradas, nin agora este ciclón puxeron en alerta aos responsábeis da Xunta de Galiza que tampouco habilitou medios de prevención suficientes”

Visita a zonas afectadas e medidas para paliar os danos que permitan unha rápida recuperación da actividade

Os nacionalistas anunciaron unha batería de iniciativas a fin de paliar os cuantiosos danos en infraestruturas e bens privados producidos en moitos puntos da comarca. Neste sentido urxiron ao goberno galego a habilitar as partidas económicas necesarias para repoñer as infraestruturas danadas que sexan de competencia autonómica, ademais de poñer en marcha as liñas de axudas necesarias para recuperar a actividade normal nos portos co maior brevidade.

En San Cibrao comprobaron que os danos son moi cuantiosos, co porto practicamente inutilizado, polo que requirirá importantes investimentos para a súa recuperación; abundando neste feito apuntaron nas reiteradas desfeitas que se veñen producindo neste porto, “sen que se tome ningunha medida de protección”, neste sentido “demandaron a Portos de Galicia que se deixe de facer anuncios para a galería e acometa dunha vez as obras necesarias para evitar catástrofes como esta”, o Presidente de Portos de Galicia veu a San Cibrao a prometer un dique de abrigo novo e no primeiro orzamento que elabora non consigna un só euro para a súa execución”.

O Ministerio de Medio Ambiente ten moito traballo por diante en toda a Mariña.

Os nacionalistas ademais anunciaron iniciativas no Congreso dos Deputados para instar ao Ministerio de Medio Ambiente a que acometa con urxencia a reparación das infraestruturas que son da súa competencia, “hai danos cuantiosos en Burela, Foz, Barreiros ou Ribadeo e outros concellos da comarca que deben ser reparados con urxencia” e que afectan a zonas incluídas dentro do Dominio Público Marítimo Terrestre para o que esixirán a habilitación de fondos para a súa reconstrución. Na mesma liña denunciaron que aínda están sen executar actuacións derivadas doutros temporais na comarca, poñendo como exemplo os casos de Cangas en Foz ou Rueta en Cervo.

Exit mobile version