Nota de prensa
O SUBDELEGADO DO GOBERNO ASISTIRÁ O XOVES Á XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE QUE SE REUNIRÁ NO CONCELLO DE BURELA.
Burela, 15 de novembro de 2010. O subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe, asistirá o vindeiro xoves 18 de novembro en Burela á xunta local de seguridade. No encontro que dará comezo ás 12 da mañá, “falaremos dun asunto que nos está a preocupar moito que é o consumo de drogas na adolescencia. Queremos facer unha análise en profundidade desta problemática que estamos a detectar desde a Unidade Asistencial de Drogodependencias, xa que cada vez son máis os rapaces novos que acuden a este centro. Na xuntanza tamén analizaremos outras cuestións coma os índices de delincuencia nesta zona”, explicou o alcalde, Alfredo Llano.
Uad
O rexedor tamén anunciou esta mañá que “o Concello está a elaborar as bases para sacar a concurso a praza de médico da Unidade Asistencial de Drogodependencias, debido á baixa voluntaria que pediu o facultativo que alí estaba a traballar. Mentras se desenvolve este proceso tentaremos prestar atención médica concertada con algunha clínica médica de Burela. Será mentras non se adxudique de novo esa praza”.