Site icon Crónica3.com A Mariña

Un fenómeno adverso no mar de nivel vermello afectará ao litoral de Lugo e do noroeste da Coruña

Imaxe da tarde do domingo

REFERENCIA

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior alerta dun fenómeno adverso no mar de nivel vermello

Afectará ao litoral do noroeste da provincia Coruña e a todo o litoral de Lugo

Esperase mar de fondo que poderá chegar aos 8 metros e vento de forza 8

Santiago, 7 de novembro de 2010.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun episodio de meteoroloxía adversa por fenómenos costeiros de nivel vermello que afectará ao noroeste da provincia da Coruña e a todo o litoral da provincia de Lugo.

Así, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) informou de que para esta zona se agarda mar de fondo do noroeste de 7 a 8 metros, mar de vento moi grosa e vento do oeste ao noroeste forza 8 a partir das 18 horas de mañá, 8 de novembro. Ademais, haberá alerta laranxa en todo o litoral da comunidade dende as 06.00 horas, con mar de fondo do noroeste de 5 a 6 metros e mar de vento ata moi grosa.

Por outra banda, a Aemet tamén informou de que a partir de mañá á mesma hora (06.00) se agardan rachas de vento do noroeste que poderán superar os 100 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e a Mariña lucense, o que se corresponde con un nivel laranxa de alerta por vento.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos costeiros galegos, aos clubs náuticos das tres provincias e a Protección Civil, entre outros.

Tamén se recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version