Nota de prensa:
SUSPÉNDESE A PRESENTACIÓN NO MUSEO DO MAR DO LIBRO “O CLAMOR DA REBELDÍA”, DE PILAR GARCÍA NEGRO, POR CAUSA DO MAL TEMPO
O acto enmarcábase nas actividades complementarias á mostra que permanece no Museo do Mar ata o vindeiro 15 de novembro
CERVO, 09 de novembro de 2010. O acto de presentación do libro de Pilar García Negro, “O clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, que ía ter lugar esta tarde no Museo do Mar de San Cibrao, tivo que suspenderse debido ao mal tempo que afecta hoxe á Mariña. Este evento enmarcábase nas actividades complementarias da exposición “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!”, que permanece no Museo do Mar de San Cibrao dende o pasado martes día 2 e ata o vindeiro día 15.
O libro “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, de Pilar García Negro, deita unha nova mirada sobre Rosalía, salientando o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada obre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria.
Co gallo do 125 aniversario da escritora, dende a fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, chegou a Lugo e posteriormente a San Cibrao a mostra itinerante “Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía!”. A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra de Rosalía de Castro, e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea. Está conformada por vinte paneis con gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra da escritora, realizada cunha grande seriedade e rigor e acompañada de recursos audiovisuais que permiten que o público interactúe cos seus distintos elementos. Ten o obxectivo tamén de aproximar a figura da grande escritora a concellos, asociacións culturais e centros de ensino. O primeiro dos audiovisuais que acompañan a mostra leva o mesmo título que a exposición e condensa en seis minutos os valores da obra rosaliana. O segundo é “Ignotus”, unha animación en plastilina de 16 minutos de duración, feita sobre o texto de Manuel Murguía que leva o mesmo título.