Site icon Crónica3.com A Mariña

Que gobernen os mellores

É unha fraseciña moi habitual en tempos achegados a eleccións, pero os mellores non son sempre os máis bos.

Podería citar dous premios Nobel, probablemente as dúas mentes máis privilexiadas do universo, que sosteñen teses absolutamente contraditorias sobre as orixes e saídas da crise. O máis lúcido dos intelectuais, o máis capaz dos políticos, o máis sagaz dos estadistas pódese equivocar e, de feito, equivócase a diario. Nada inmuniza contra o erro. De feito, a historia política está chea de xenios teóricos, autores de brillantes artigos que revolucionan a ciencia, e pésimos xestores da cousa pública.

Probablemente sen sabelo, detrás do principio do “goberno dos mellores” persiste o principio do “despotismo ilustrado”. Hai unha verdade oculta que só está ao alcance dos máis preparados e son eles quen teñen a capacidade de dirixir un país. Son os argumentos que se empregaban durante o período pre-democrático para cargar contra o principio do voto universal. Só os máis preparados están capacidades para decidir. Como podemos dar voz e voto a un analfabeto?.

Pero a política non ten sentido sen ideoloxía. Non podemos pór “os mellores” a gobernar se non anticipamos cal é o modelo de país ao que aspiramos, cal é a utopía compartida. Sen ideoloxía non hai ideas e sen ideas non hai goberno, senón é solo xestión tecnócrata. Un goberno sexa local, autonómico ou do estado, non nace a partir da suma dos talentos individuais, senón a partir dun proxecto compartido, dunha idea, dunha utopía común.

Ninguén sabe máis que todos xuntos ou ven máis varios ollos que dous solos. Esta é a idea motriz da democracia. O contraste das decisións e dos proxectos individuais é moito máis poderoso que as ideas dunha mente prodixiosa; non é a simple suma das ideas individuais. É a interacción constante entre elas a que crea un estadio de intelixencia. Ninguén sabe máis que todos xuntos non quere dicir que na suma das das ideas individuais, sexa máis poderosa que unha idea brillante. Quere dicir que as ideas gañan se “rebotan” entre si nun campo de forzas múltiples: atracción, repulsión, asimilación, disociación… Quere dicir, en definitiva, que pensamos mellor cando pensamos encartados.
Non quero un goberno dos mellores, tampouco un goberno dos peores, senón o goberno de todos. Cada vez que un líder político solta pola súa boca de piñón que aposta pola proposta “mesiánica” dos mellores afástase, quizais sen sabelo, do goberno que precisamos, que é o goberno de todos.

Otero Regal

Exit mobile version