Nota de prensa:
Mondoñedo, 23 de novembro de 2010
AS XUNTANZAS DO GDR COS SECTORES AGRARIO E FORESTAL ESTÁN A DESENVOLVERSE CUNHA IMPORTANTE PARTICIPACIÓN.
Nas dúas xuntanzas que se levan celebrado ata o momento participaron ao redor de cincuenta explotacións destes sectores .
No día de onte tivo lugar a primeira das xuntanzas que o GDR está a desenvolver cos sectores agrario e forestal. A xuntanza foi na parroquia de Sante, en Trabada, e a ela acudiron ao redor dunhas trinta persoas.
Na mañá de hoxe, a cita tivo lugar en Cubelas, no concello de Ribadeo. Nesta ocasión a afluencia rondou as vinte persoas.
Tanto nunha como noutra, os asistentes recibiron información sobre as liñas de axuda do programa Leader 2007-2013 na comarca de A Mariña; pero ademais, aproveitaron para falar sobre a situación do medio rural en xeral e dos sectores primarios en particular. Neste sentido, xurdiron propostas de realizar xornadas e cursos de interese para as explotacións, de traballar conxuntamente no desenvolvemento dalgúns proxectos de aumento do valor dos produtos agrarios e quedaron emplazados á realización doutras xuntanzas para continuar co traballo iniciado nestes días.
Mañá tocaralle a quenda ás explotacións que acudan á reunión que terá lugar nas Escolas de San Xusto, en Barreiros, ás 12 horas. E o venres, á mesma hora, realizarase no centro comarcal de Mondoñedo.
O GDR VALORA POSITIVAMENTE A PARTICIPACIÓN DOS SECTORES.
Desde o GDR amósanse satisfeitos e valoran positivamente o acollemento que están tendo estas xuntanzas, xa que “ é fundamental contar con estes sectores para un desenvolvemento rural efectivo”, aseguran.
Ademais, engaden que “estas xuntanzas non son máis que o primeiro paso para continuar cun traballo no ámbito do desenvolvemento rural que coordine e aproveite as sinerxias dos sectores agrario e forestal. Vendo o interese amosado nestas xuntanzas, non tardaremos moito en realizar as primeiras xornadas técnicas sobre algúns dos temas que se sinalaron nestes días.”