Nota de prensa:
OS PUPILOS DE SUSO REY POÑEN A PROBA O PARAPETO NAVARRO
Coas forzas restablecidas tras a xornada de descanso e contando co regreso de Víctor Cachón, os pupilos de Suso Rey porán a proba o parapeto do OPDE Ribera Navarra. O Burela FS saltará mañá á pista do pavillón Elola, ás 18.30 horas, para acabar coa imbatibilidade local do segundo clasificado.
Aínda que non se presenta como a cancha máis axeitada para retomar a senda do triunfo tras o axustado marcador de Puertollano, o Burela FS afanarase na pelexa polos tres puntos co apoio engadido de medio centenar de afeccionados que viaxarán a Tudela coa peña A Pataca Naranxa. Os mariñáns necesitan puntuar para manter a regularidade que os levou ata a súa actual quinto posto (24 puntos).
A décimo terceira praza final de 2009-10 contrasta vistosamente coa traxectoria do Ribera nesta tempada. O cadro de Víctor Acosta ostenta uns números envexables, con tan só dous tropezos, en Ceuta (4ª xornada, 3-1) e Lanzarote (8ª xornada, 6-4). Algúns dos responsables desta nova andadura navarra son o ala brasileiro Fabricio, o peche Lescun e o ala-peche Jonathan Cámara, procedentes do RAM León; o gardameta Abel, do Sala 10 Zaragoza; ou o ala-pivote Andresito, do Reale Cartagena.
A nota negativa no vestiario laranxa será a baixa de Minu, que non viaxou por molestias nun xemelgo do que xa se resentiu no último encontro.
O outro duelo da metade alta da táboa protagonizarano Puertollano, terceiro, e UPV Maristas Valencia, cuarto. Ao líder canario, Gáldar, tócalle visitar a pista do Zamora, décimo. Pisándolle os talóns ao Burela FS dende a sexta praza e 23 puntos, o BP Andorra visita esta fin de semana o décimo sétimo clasificado, Frontera Tobarra.