Nota de prensa:
Os Institutos de Xove e San Cibrao celebraron a Semana da Ciencia en Galego cunha divulgación sobre Darwin
Alumnos do IES Illa de Sarón de Xove e do IES Marqués de Sargadelos xuntáronse no salón de actos da Casa da Cultura de San Cibrao para ver a obra de divulgación científica “Discurshow Matarratos Darwin”, posta en escena polo científico Xurxo Mariño e o actor Vicente de Souza.
Trátase dunha representación multimedia que engaiola a pequenos e grades para aprender cousas da ciencia pasándoo ben. A través de imaxes, sons, representación teatral e discurso contan a aventura do Beagle, da súa tripulación, dos indíxenas e do científico naturalista Darwin de como chega ás conclusións para establecer a teoría da evolución das especies.
É unha impresionante posta en escena cun contido didáctico e motivador que fai que os alumnos participen e aprendan de forma lúdica contidos académicos fundamentais para entender o mundo no que vivimos.