Nota de prensa
A SALA DE EXPOSICIÓNS MUNICIPAL DE SARGADELOS ACOLLE A PARTIR DE MAÑÁ UNHA MOSTRA DO ARTISTA JUAN MANUEL LÓPEZ ROIBAL
* O acto inaugural terá lugar ás 13.30 horas e permanecerá aberta ao público ata o 15 de xaneiro
* A mostra está promovida polo colectivo “Os Aventados” e conta co patrocinio e colaboración da concellería de Cultura do Concello de Cervo
Cervo, 26 de novembro de 2010.- O Concello de Cervo a través da súa concellería de Cultura e en colaboración co colectivo “Os Aventados” abre a partires de mañá na sala de exposicións municipal de Sargadelos unha exposición coas obras de Juan Manuel López Roibal, artista coruñés vinculado á comarca da Mariña e a San Ciprián en especial.
A inauguración da mostra terá lugar mañá sábado, ás 13.30 horas e permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 15 de xaneiro de martes a domingo en horario de 12.00 a 14.00 horas pola mañá; e de 16.00 a 20.00 horas en horario vespertino.
LÓPEZ ROIBAL
Primoxénito de catro irmáns e natural da Coruña, o imaxinario pictórico e a peripecia vital de Juan Manuel López Roibal ten como referencia, con todo, a Mariña lucense, e especialmente a vila mariñeira de San Ciprián e Viveiro -lugar no que fixou a súa residencia e desenvolveu a súa actividade profesional.
A súa primeira infancia transcorreu na cidade de Lugo. Alí comezou a interesarse por todas as artes e desenvolveu unha gran afección á música clásica e á ópera, esquecendo os habituais xogos infantís propios da postguerra para centrarse aos poucos na súa formación como diletante. Veraneando en Sada coa súa familia coñece ao pintor Francisco Lloréns, do que se converteu en asiduo acompañante nas súas horas de oficio pictórico. Con el aprendeu segredos da técnica e descubriu a súa verdadeira vocación. As súas primeiras experiencias cos pinceis plasmounas ao óleo sobre caixas de madeira de puros habanos. Xa con dezaoito anos e longas horas como autodidacta comeza en Santiago de Compostela a carreira de Medicina, sen abandonar en ningún momento a súa paixón pola pintura. Por aquel entón o SEU organizou un concurso-exposición para pintores universitarios. Juan Manuel pintou para a ocasión dous bodegóns: un repolo con verduras e unha cesta de vimbia con froitas. Gañou o primeiro premio. A crítica no xornal definiuno como un magnífico gañador e augurou ao autor un espléndido porvir como artista. Sen razón xustificable algunha, os organizadores do evento nunca devolveron ao pintor un dos bodegóns -ao seu xuízo o mellor-, e actualmente descoñécese o seu paradoiro.
Durante o transcurso dos seus estudos de Medicina continuou pintando ata que se especializou en Oftalmoloxía e trasladouse a Viveiro para exercer o seu labor profesional. Desa época data a súa produción máis numerosa e fértil e a súa primeira exposición na Asociación de Artistas da Coruña.
Todos os cadros daquela mostra vendéronse e a súa pintura foi acollida con gran entusiasmo. No entanto, lonxe de estimularlle para continuar por ese camiño, o éxito da súa exposición xeroulle unha gran saudade das obras vendidas. O resultado foi que, a pesar de continuar cunha considerable produción, nunca máis volveu organizar outra exposición e todas as obras das que se desfixo a partir de entón foron a parar a mans de familiares e amigos, de forma que sempre tivese a oportunidade de volver contemplalas.
En canto ao seu estilo e á súa temática, é xusto afirmar que nunca seguiu unha liña única e que, levado por unha inquietude constante, aventurouse a buscar a súa propia personalidade pictórica seguindo as correntes que en cada momento lle interesasen: realismo, impresionismo, surrealismo, expresionismo, etc. No entanto, quizá poida definirse a súa obra como a dun paisaxista expresionista, cunha gran liberdade á hora de combinar as cores e de introducir elementos contraditorios pero esteticamente atractivos e válidos. A súa pincelada é valente, grosa e aberta. Respecto dos temas cabe citar, ademais do mar, algúns retratos, bodegóns, a arquitectura popular, etc. Interesáronlle todo tipo de técnicas: óleo, lapis, acuarela, cera, carboncillo, esmalte e escultura, aínda que esta última en menor medida (unha das súas únicas creacións neste campo é o busto dunha dama tallado nunha vértebra de balea).
Nos dez últimos anos da súa vida dedicouse a cultivar outra das súas grandes paixóns: viaxar. Os seus destinos preferidos foron Rusia, Túnez e Exipto, cuxas culturas lle produciron unha fonda influencia e motivaron algunhas das súas creacións da época.
Faleceu na Coruña en 2004. O seu último cadro, realizado en formato pequeno, representa o mar aberto, un mar insondable e premonitorio.