Site icon Crónica3.com A Mariña

O video-forum “Mulleres no mundo, II edición” proxecta a película Persépolis na UNED en Foz

Nota de prensa

Continúa o video-forum “MULLERES NO MUNDO, II EDICIÓN” coa proxección da película Persépolis

Na  sesión, que se desenvolverá este venres día 19 ás 19.00h  na UNED, visionarase a película Persépolis (Irán, Francia), dirixida por Marjane Satrapi

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO, II EDICIÓN” é organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, para achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” que comezou o pasado día 5 de novembro, ten lugar no salón de actos da UNED en horario de 19h. a 21 horas. Na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

As sesións de “MULLERES NO MUNDO” están guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme,  para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. Posteriormente, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

A película correspondente a este venres é  Persépolis (Irán-Francia) e está dirixida por Marjane Satrapi.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Afganistán, India, Irán e Israel. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version