Nota de Prensa
PACHI VÁZQUEZ ACUSA AO SERGAS DE PRIMAR CON MÁIS DIÑEIRO AOS MÉDICOS QUE DAN ALTAS PARA REDUCIR ASÍ AS LISTAS DE ESPERA
Pide a comparecencia de Feijóo na Cámara para dar conta da situación da sanidade pública, e esíxelle que deixe a práctica de primar aos médicos por alta
O PSdeG valora e respecta a profesionalidade dos médicos galegos, á vez que condena que se vexan sometidos a estas presións “inaceptables” por parte da Consellería de Sanidade que tentan alterar o seu criterio profesional
Acusa a Feijóo de ser o “verdugo” da sanidade pública e de darlle o “tiro de gracia” coa mesa de contratación do Hospital de Vigo que “regalará” aos seus amigos e que”condenará ao sur de Galicia a depender dunha empresa privada”
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010.- O secretario Xeral do PSdeG e presidente do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, acusou hoxe ao Sergas de “perverter” a sanidade pública ao primar aos médicos con máis diñeiro polas altas que dan aos pacientes sen pedir probas complementarias, a fin de reducir así as listas de espera no Hospital da Costa, en Burela (Lugo), que son as máis elevadas de toda Galicia.
Así o denunciou na sesión de control do Parlamento, na que evidenciou que o Sergas está a propoñer aos médicos do Hospital da Costa un novo sistema de retribución das peonadas, consistente en pagar as consultas de dous xeitos distintos: unha cantidade de 20 euros por consulta ordinaria, que mantén ao paciente nas listas de espera para posteriores probas; e de 30 euros se o resultado da consulta é a alta do paciente, coa conseguinte baixa nas listas de espera.
“Despois de suprimir as peonadas, aumentando así as listas de espera, agora deciden convocar aos médicos a traballar pola tarde e propóñenlle pagarlles máis por cada alta médica que dean sen pedir probas complementarias”, denunciou Vázquez, quen se preguntou “qué pensará un paciente cando se sente ante o médico sabendo que o Goberno galego lle da unha prima por mandalo para casa”.
Vázquez esixiulle a Feijóo unha explicación ata en dúas ocasións na súa intervención “porque si isto é certo, alguén terá que saír cesado esta mañá desta cámara”, dixo, mentres que o presidente da Xunta non foi capaz de negar as afirmacións do líder socialista.
O PSdeG valora e respecta a profesionalidade dos médicos galegos, á vez que condena que se vexan sometidos, alomenos no caso do Hospital da Costa, a estas presións “inaceptables” por parte da Consellería de Sanidade que tentan alterar o seu criterio profesional.
Por elo, Vázquez pediulle formalmente a Feijóo “que compareza no vindeiro pleno para falar da sanidade pública ante o clamor en contra da súa privatización” e esixiulle o compromiso de “deixar de primar” aos profesionais do Hospital da Costa para reducir as listas de espera, porque “os médicos teñen que cobrar por curar aos pacientes, non por darlles a alta canto antes”, sentenciou.
Hospital de Vigo
Na súa intervención Vázquez lembroulle a Feijóo que “a privatización da sanidade non está na existencia de centros médicos privados, senón en coller o diñeiro que aportan todos os galegos e galegas ao sistema sanitario e darllo a empresas privadas, como no caso do Hospital de Vigo”.
“Hoxe vaille dar o tiro de gracia á sanidade pública coa mesa de contratación do Hospital de Vigo”, sinalou Vázquez, quen denunciou que o Goberno de Feiijóo “volve a abrir unha fenda entre o norte e o sur de Galicia, ao condenar a 600.000 galegos e galegas do sur da nosa comunidade a depender dunha empresa privada os vindeiros 23 anos”.
Criticou que nesta mesa de contratación Feijóo vai “regalar” a grupos empresariais amigos o novo Hospital de Vigo. “Un hospital que costa algo más de 370 millóns de euros, e que vostedes van adxudicar por 1.370 millóns. Esa é a sanidade pública do Goberno de Feijóo”, sentenciou.