Nota de prensa:
O GPPP pregúntase ónde están os 438 millóns de euros dos que dispuxo a Deputación nos últimos tres anos
• Os populares din que non pode destacarse ningunha actuación salientable do bipartito que xustifique ese nivel de gasto e repróchanlle o goberno provincial que empece agora a licitar obras que quedaron pendentes da etapa anterior
• Acusan ó equipo que lidera Gómez Besteiro de multiplicar por dez a débeda da institución provincial e repróchanlle que o grao de execución orzamentaria de 2010 sexa “alarmantemente baixo” (a previsión é que a 31 de decembro só o 33 por cento do investimento real esté realizado)
• Os populares tamén criticaron a “abultada” partida adicada a gastos diversos (3,4 millóns de euros), “a que está fora do control político”, e que se reserven 23,4 millóns de euros para “repartir de xeito partidista”
Lugo, a 26 de novembro de 2010.- Os deputados provinciais do Partido Popular valoraron hoxe os orzamentos da administración provincial como irreais e concebidos únicamente baixo o criterio e o interese partidista dos dous grupos políticos que integran o equipo de goberno que encabeza José Ramón Gómez Besteiro.
A primeira reflexión que fixeron os populares foi preguntarse onde se empregaron os 438 millóns de euros que manexou o ente provincial durante os tres últimos exercicios orzamentarios (ós que se lle sumarán agora outros 92). “Non hai novos parques empresariais; non se executou ningunha nova obra viaria ou infraestructura de relevancia de calquer outra índole; non se levaron a cabo ningunha actuación salientable a favor dos sectores productivos básicos ou encamiñados a a fomentar ou incentivar a actividade económica; non se avanzou na vertebración da provincia… Onde e a que, entón, se adicaron eses cartos?”, inquiriron.
Redundando nesta idea, puxeron de manifesto que “é agora” cando comenzan a licitarse obras que quedaron pendentes de execución do anterior goberno provincial “como ben se pode constarar nas últimas xuntas de goberno”.
Outro aspecto “negativo” salientado polo voceiro do GPPP foi o incremento “desproporcionado e inxustificado” da débeda. José Manuel Barreiro fixo constar que o endebedamento da Deputación ascenderá, segundo os datos incluidos no orzamento, a 49.068.339,76 euros, dos que 44.530.693,88 corresponden a créditos pedidos polo bipartito. “É dicir, multiplicaron por dez a débeda”, sentenciou.
O voceiro popular tamén fixo alusión a “outras contradiccións significativas” como, por exemplo, que mentres o orzamento consolidado baixa un 35,9 por cento, o montante da partida adicada a gastos diversos, “aqueles que quedan fora do control político da oposición”, segue a ser moi alta, máis de 3,4 millóns de euros. Cifra que supón unha reducción do só o 18,6 por cento con respecto a 2010.
Ademais, o capítulo adicado a investimentos reais tamén se reduce de xeito drástico, tanto que baixa o 53,3 por cento en relación ó presente exercicio, pero “sorpresivamente” a partida destinada a transferencias correstes, é dicir, aquela na que se fai unha previsión de fondos para a concesión de subvencións a colectivos da máis diversa índole, redúcese pouco máis do 3,24 por cento.
Igual de alarmante lle parece ós populares que as inversións reais previstas para Suplusa supoñan o 4,8 por cento do orzamento total deste organismo, o que en números reais supón 340.000 euros. “Lóxicamente con esta cantidade non se baralla ningunha nova actuación o que quere dicir que prácticamente continuaremos co plan herdado do anterior goberno provincial e en cuxa execución non se avanzou nada neste últimos tres anos”.
CONSOLIDACIÓN DO DESPILFARRO
“A primeira conclusión, polo tanto”, segundo asegurou Barreiro, “é que, a pesares do axuste ó que obrigan as actuais circunstancias económicas, prímanse aquelas partidas menos productivas pero de maior rendabilidade dende o punto de vista partidista, en detrimento das actuacións encamiñadas á dotación de máis e mellores infraestructuras e servicios para o conxunto da cidadanía”. “Apóstase polo despilfarro e o mantemento da rede clientelar e renégase de ofrecer mellor calidade de vida ós veciños desta provincia e de poñer en marcha accións encamiñadas a compensar os devastadores efectos da crise económica”, apostillou.
Os representantes dos Partido Popular na Deputación tamén tacharon de “irreais” as previsións sobre as transferencias correntes a percibir o vindeiro ano. “Non parece lóxico, dados os recortes que se están a ampliar en todos os eidos, que a administración central manteña case o mesmo nivel de transferencias para o 2011 que o que houbo en 2010, 56 e 54,4 millóns respectivamente”, dixo.
ÍNFIMO GRAO DE EXECUCIÓN
Barreiro tamén fixo fincapé no baixo grao de cumprimento do orzamento deste ano. Así, segundo explicou, as previsións do propio goberno provincial é que a 31 de decembro só esté liquidado o 52,6 por cento do gastos e case o 50 por cento dos ingresos, “pese a que o Sr. Besteiro durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento augurou que ía situarse no 73 por cento”.
“Se, en xeral, o nivel de execución xa é exiguo, resulta preocupante que capítulos tan importantes como o de investimentos reais se fixe en pouco máis do 33 por cento”, explicou. Unha cifra que non extraña nas filas populares dado que a 30 de xuño, a Deputación so tiña recoñecido o 11’12% do presuposto consignado para investimentos reais, ou sexa, escasamente nove millóns e medio de euros.
“Polo tanto, outra conclusión que se pode sacar de valorar estos datos e que a Deputación non só fai pouco esforzo inversor senón que aínda por riba despois nin sequera cumpre esa rala previsión”, engadiu Barreiro.