Nota de prensa:
O GPPP reproba que a Deputación non valore a importancia relixiosa, cultural e turística da Semana Santa
Lugo, a 6 de novembro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular critica que a Deputación pase por alto a importancia relixiosa, cultural e tradicional que a Semana Santa ten na provincia, nomeadamente en localidades como Viveiro e Lugo, e que menosprecie o atractivo que, dende o punto de vista turístico e polo tanto como foco de atracción de visitantes e de xeración de riqueza para as localidades que os acollen supón a celebración destes actos.
Entenden os populares que o componente relixioso non debe ser un factor excluinte á hora de recibir axudas da administración provincial, habida conta que a meirande parte da poboación da provincia é católica. Lamentan asimesmo que o BNG, responsable da xestión da área de cultura da Deputación, se amosen tan sectarios á hora de conceder axudas e salientan que non amosaron tantos reparos á hora de favorecer a colectivos partícipes da súa ideoloxía política, ós que incluso permiten o uso de locales da institución provincial.
Dende o GPPP pregúntanse se a negativa a respaldar os actos de Semana Santa é unha decisión conxunta de todo o goberno da Deputación ou responde únicamente o interese da ala nacionalista. A este respecto poñen de manifesto que resulta contradictorio e denota unha gran carga de hipocresía que a institución provincial non axude ás confradías na financiación dun dos actos máis importantes do ano e nembargantes o seu presidente presuma de asistir á misa do Papa.