Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide ao goberno do Estado un novo aparcamento soterrado en Viveiro

Nota de prensa:

O Grupo Popular defenderá unha emenda á iniciativa do PSOE sobre os novos usos que se lle pretende dar ao espazo comprendido entre o porto deportivo e a ponte da Misericordia

BALSEIRO PROPÓN QUE O DEPARTAMENTO ESTATAL DE COSTAS INTEGRE NO PROXECTO DE REXENERACIÓN DA MARXE DEREITA DO ANTIGO PORTO DE VIVEIRO A CREACIÓN DUN NOVO APARCAMENTO SOTERRADO TAL E COMO DEMANDAN COLECTIVOS SOCIAIS E COMERCIANTES

* Os orzamentos da Xunta inclúen, a proposta do Partido Popular, unha partida específica para que Portos de Galicia financie o estudo polo que se proxecte a creación dun novo parking soterrado

Santiago, 17 de novembro de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlametnario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, propón que a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar asuma dentro do proxecto de rexeneración da marxe dereita da ría de Viveiro, entre a ponte da Misericordia e o porto deportivo, a creación dun novo aparcamento soterrado. Deste xeito, darase resposta a unha demanda apuntada por distintos colectivos sociais e polos comerciantes da Cidade do Landro, que reclaman a necesidade dun novo espazo para o estacionamento de vehículos, tanto para uso dos veciños como dos visitantes que se desprazan ata Viveiro para realizar as súas compras.

Jose Manuel Balseiro Orol sinalou que o Goberno galego apoiará este compromiso e de feito os orzamentos da Xunta de Galicia para 2011 incorporan, a proposta do Partido Popular, unha partida específica para que Portos de Galicia financie o estudo do proxecto de creación deste novo parking soterrado. O deputado popular indica que unha vez elaborado o devandito estudo, o departamento estatal de Costas debe asumilo e executalo dentro do seu proxecto integral de rexeneración deses antigos espazos portuarios.

O Grupo Parlamentario Popular defenderá esta proposta a través dunha emenda de substitución á iniciativa que o Grupo Socialista rexistrou para o seu debate no día de mañá na Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega. Os socialistas queren que a Xunta declare en desuso estes espazos para poder despois executar alí o proxecto de rexeneración que propuxo Costas. Os populares non están en contra de determinar os novos usos destas instalacións, lembrando eso si que a día de hoxe están vixentes varias concesións –entre elas a dun grande centro comercial- pero piden que Costas inclúa no seu proxecto a creación deste aparcamento soterrado.

Exit mobile version