Nota de prensa:
A Xunta deu un paso decisivo na consolidación dos 108 traballadores de Cerámica de Sargadelos, agora é a quenda do Ministerio de Traballo que informou positivamente o ERE de extinción e que debe involucrase tamén na solución
BALSEIRO EMPRAZA A LARA MÉNDEZ A CUMPRIR O ACORDO DO PLENO MUNICIPAL POLO QUE O ESTADO DEBE ASUMIR AS PREXUBILACIÓNS DOS TRABALLADORES DESPEDIDOS EN CERÁMICA DE SARGADELOS
* A Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril) establece as axudas que poderá conceder o Ministerio de Traballo ao persoal afectado polos procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresa e coas que poderían financiarse as prexubilacións.
* Nin o Goberno do Estado nin a Deputación amosaron o seu interese e preocupación pola situación de Cerámica de Sargadelos, polo que son as administracións socialistas as que están a incumprir a obriga de apoiar a estes traballadores.
Santiago, 19 de novembro de 2010.- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, emprazou no día de hoxe a Lara Méndez e ao grupo socialista a cumprir o acordo do Pleno municipal polo que se lle pedía ao Goberno do Estado que asumira as prexubilacións dos traballadores despedidos en Cerámica de Sargadelos.
O último punto do acordo unánime acadado no Pleno extraordinario que no seu día celebrou o Concello de Cervo reclamaba “de xeito expreso” que a administración socialista tamén apoiara a estes traballadores financiando as prexubilacións das persoas despedidas e, polo momento, “esta é a única parte do acordo que polo non se ten cumprido”. Establecíase tamén o procedemento axeitado para facelo, máis en concreto, aplicando a Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril) que regulamenta as axudas que poderá conceder o Ministerio de Traballo ao persoal afectado polos procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresa.
Jose Manuel Balseiro lembrou que poderían ser beneficiarios destas axudas estatais á prexubilación seis dos oito traballadores que na actualidade cesaron o seu contrato en Sargadelos como consecuencia do aplicación do ERE extintivo. Sinalou tamén que no seu momento a propia Inspección do Ministerio de Traballo e Seguridade Social informou favorablemente o ERE. O deputado popular conclúe que si a administración socialista non tivo ningún reparo en dar o visto e prace ao ERE “o lóxico é que tamén agora poña as axudas que a lexislación contempla para financiar as prexubilacións das persoas afectadas”.
TRABALLO NOS DESPACHOS
O parlamentario popular asegura que, tal e como di o PSOE, “é certo que o PP non participou nas manifestacións convocadas, pois mentres o PSOE buscaba a foto poñéndose tras a pancarta, nos estábamos facendo algo máis importante e produtivo, negociando nos despachos, intermediando entre a Xunta, a empresa e o comité de persoal, e buscando unha solución que xa fructificou no día de onte”. Mentres a Xunta deu un paso decisivo na consolidación do algo máis dun cento de persoas que compoñen o cadro de persoal de Cerámica de Sargadelos, “ainda seguimos esperando a que o Ministerio de Traballo tamén interveña e achegue as axudas necesarias”.
Finalmente Jose Manuel Baleseiro dirixiuse a Lara Méndez para lembrarlle que agora “ten a oportunidade de facer algo por Cervo, xa que ata o momento nada fixo polo seu concello”. Insiste en que “precisamente esta señora pasará á historia polo seu comportamento desleal cos seus veciños”. Emprázalle, polo tanto, a que chegue as axudas que prometeron.