Nota de prensa
O fortísimo temporal que afectou á nosa comunidade na pasada semana combinou a acción destructora de fortes ondas con ventos superiores aos 90 quilómetros por hora no período de plena mar
BALSEIRO INTERPELARÁ A CONSELLEIRA DO MAR NO PLENO DO PARLAMENTO SOBRE A AVALIACIÓN DOS DANOS PROVOCADOS POLO TEMPORAL BECKY NAS INFRAESTRUTURAS PORTUARIAS, BENS E ÁREAS DE PRODUCIÓN PESQUEIRA E MARISQUEIRA
* Quere coñecer cales foron as actuacións de urxencia desenvolvidas pola Xunta para garantir a integridade física dos usuarios dos portos así como o contido do plan corrector de estragos impulsado pola administración autonómica.
* A pregunta responderase o mércores día 24, en horario de tarde, na sesión plenaria que terá lugar no Parlamento de Galicia.
Santiago, 18 de novembro de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlametnario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, interpelará á Conselleira do Mar, Rosa Quintana, na sesión plenaria prevista para a próxima semana no Parlamento de Galicia, sobre a avaliación que a Xunta de Galicia fai dos danos provocados polo temporal Becky nas infraestruturas portuarias, bens e áreas de produción pesqueira e marisqueira. Cómpre lembrar que o fortísimo temporal que afectou á nosa comunidade na pasada semana combinou a acción destructora das fortes ondas con ventos superiores aos noventa quilómetros por hora, durante o período de pleamar, o que trouxo consigo importantes estragos.
Unha vez superado o período máis virulento deste temporal, o voceiro do Mar do Grupo Popular, entende necesario avaliar os danos ocasionados e coñecer o programa que vai a desenvolver o Executivo autonómico para a súa corrección. De xeito especial, Balseiro Orol interésase polas accións de urxencia desenvoltas pola Xunta para garantir a integridade físicas dos usuarios dos portos así como polo contido concreto do plan corrector de estragos impulsado desde a administración autonómica.
A primeira previsión efectuada tras o Consello da Xunta celebrado o pasado xoves establecía a contía dos danos nas instalacións portuarias en 4.349.344 de euros. Tamén se daba conta do inicio das dilixencias oportunas ante as compañías aseguradoras das estruturas portuarias para que estas poidan facerse cargo do pagamento dos danos ocasionados polo fenómeno meteorolóxico adverso. Balseiro Orol quixo salientar a celeridade na reacción da Xunta e, nomeadamente do persoal de Portos de Galicia, que se atopaba mobilizado ante a alerta vermella e as malas previsións metereolóxicas. Unha reacción que contrasta coa pasividade e lentitude que ante acontecementos similares caracterizou ao anterior Goberno autonómico, o bipartito.