Nota de prensa:
Desmentiu que Augas de Galicia dera a razón á Deputación xa que xa que no informe emitido por este organismo claramente se dicía que o proxecto presentado polo Ente provincial non era válido, exactamente igual que o informado por Patrimonio.
EMMA ÁLVAREZ LÉMBRALLE AO TITULAR DE VÍAS E OBRAS DA DEPUTACIÓN DE LUGO QUE O PROXECTO DE REHABILITACIÓN DA PONTE DE ARANTE É RESPONSABLIDADE EXCLUSIVA DO ENTE PROVINCIAL
* A celeridade que agora pretenden impoñer de cara á rehabilitación da ponte, tíñana que aplicar á redacción dun proxecto novo desde o mesmo momento que lle comunicou que non era válido.
Santiago, 11 de novembro de 2010.- A deputada do Partido Popular de Galicia, Emma Álvarez Chao lémbralle ao responsable de Vías e Obras da Deputación de Lugo, o socialista Manuel Martínez, que é responsabilidade exclusiva do organismo provincial desenvolver os trámites necesarios para a rehabilitación da Ponte de Arante, limitándose as competencias da Dirección Xeral de Patrimonio a avaliar o proxecto que se lle presente e dar o visto e prace final.
A parlamentaria popular explicou esta cuestión en resposta ás declaracións efectuadas por Manuel Martínez, quen afirmaba non comprender as razóns polas que de xeito tallante, a Consellería lle comunica que “en ningún caso” procederá a propoñer ou designar a empresa ou técnico encargado de redactar o proxecto de rehabilitación da ponte, tal e como solicitaba a Deputación. De feito, Emma Álvarez insistiu en que a Consellería “nin pode, nin debe” entrar a designar persoas concretas pois “iso sería vulnerar competencias doutras administracións e asumir unha responsabilidade que non é propia”.
Ao mesmo tempo recórdalle tamén á Deputación que “a celeridade coa que queren arranxar os trámites agora xa a poderían ter aplicado para facer un novo proxecto desde que recibiron a comunicación da Dirección Xeral de Patrimonio, informándolles que o redactado nun primeiro momento non vale”. “Sería tempo que terían gañado, se non foran tan teimudos por querer impoñer o proxecto inicial”.
Por outra banda a deputada do PPdeG tamén quixo desmentir que Augas de Galicia dera a razón á Deputación –como eles están a asegurar-, xa que no informe emitido por este organismo claramente se dicía que o proxecto presentado polo Ente provincial non era válido, e que se debería facer un novo, “que aínda que dun solo vano, respectara o contorno no que está enclavada”. Ambas os dous organismos emitiron informes sectoriais conforme ao ámbito das súas competencias e “coincidentes no fondo: o proxecto presentado pola Deputación en ningún momento era válido”.