Nta de prensa
O representante do PP na Fundación TIC asegura que xustificou o seu voto en contra do orzamento de 2011
* González Barcia di que “a acta do Padroado demostra que Besteiro minte”
Lugo, a 14 de novembro de 2010. O voceiro adxunto do GPPP e representante do mesmo no Padroado da Fundación TIC, José María González Barcia, asegurou que xustificou o seu voto en contra dos presupostos e do plan de actuación da Fundación TIC na sesión celebrada o pasado xoves, día 11 de novembro, en contra do que di o presidente da Deputación, o socialista Gómez Besteiro.
Barcia salienta que “a propia acta da Fundación, remitida polo Secretario da Fundación, reflicte que Gómez Besteiro minte cando afirma que non expliquei o meu voto en contra”. “Se Besteiro é capaz de mentir nun asunto tan nimio coma este, xa nos podemos poñer no peor”, apostillou.
O voceiro adxunto dos populares na Deputación engadiu que separar a dirección da Fundación en dúas, a Escola de Imaxe e Son por un lado, e a productora por outro, vai en contra do espíritu orixinal da Fundación TIC e demostra que o PSOE e nomeadamente Besteiro empregan os recursos de todos os cidadáns para o seu beneficio partidista e particular.
ACTA
SESIÓN DO PADROADO DA FUNDACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN (TIC), CELEBRADA O DÍA 11 DE NOVEMBRO DO 2010
No Centro de Producción de Programas da Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), sito na Rúa do Arco s/n, da cidade de Lugo, sendo as once horas do día once de novembro do dous mil dez, reúnese o Padroado da Fundación, baixo a Presidencia de D. José Ramón Gómez Besteiro e a asistencia dos Patronos Dª Regina Polín Rodríguez, D. Juan José Díaz Valiño, D. José González Barcia e D. José Manuel Besteiro Cabanas, ao obxecto de celebrar sesión, previa convocatoria e notificación da mesma aos seus membros, excusando a súa asistencia os Patronos D. Antonio Veiga Outeiro e D. Jorge Coira Nieto.
Asiste como Secretario non Patrono, D. Francisco Javier Giménez Miralles.
Asisten, así mesmo, como Interventora non Patrono, D. Rosa Abelleira Fernández e o Director do CPR, non Patrono, D. José Antonio Corredoira Teijeiro, e a Directora do CPP, non Patrona, Dª Margarita Soilán Carbia.
De seguido, polo Secretario, D. Francisco Javier Giménez Miralles, procédese á lectura da Orde do Día que é do seguinte teor literal:
ORDE DO DÍA
1º.- Aprobación do plan de actuación, previsión das partidas de ingresos e gastos e memoria explicativa correspondente ao período de 2011.
2º. – Lectura e aprobación da acta da sesión.
1.- APROBACIÓN DO PLAN DE ACTUACIÓN, PREVISIÓN DAS PARTIDAS DE INGRESOS E GASTOS E MEMORIA EXPLICATIVA CORRESPONDENTE AO PERIODO DE 2011.
De seguido, dáse conta do Plan de Actuación, previsión das partidas de ingresos e gastos e Memoria explicativa correspondente ao exercicio 2011, elaborado con suxeición ás normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás Entidades sen fins lucrativos e ás normas de información orzamentaria, cuxo estado de gastos e ingresos ascende á contía de 1.570.955 €, e cuxos capítulos importan as seguintes contías:
ESTADO DE GASTOS CAPÍTULOS
CAP. I.- GASTOS DE PERSOAL
862.055,00 €
CAP. II.- GASTOS EN BENS CORRENTES E SERVIZOS
579.600,00 €
CAP. III.- GASTOS FINANCIEIROS 7.300,00 €
CAP. IV.- TRANSFERENCIAS CORRENTES 50.000,00 €
CAP. VI.- INVERSIONS REAIS 72.000,00 €
CAP. IX.- PASIVOS FINANCIEIROS —————-
TOTAL ORZAMENTO DE GASTOS
1.570.955,00 €
ESTADO DE INGRESOS CAPÍTULOS
CAP. III.- TAXAS E OUTROS INGRESOS
3.500,00 €
CAP. IV.- TRANSFERENCIAS CORRENTES 1.555.455,00 €
CAP. V.- INGRESOS PATRIMONIAIS 12.000,00 €
CAP. IX.- PASIVOS FINANCIEIROS —————–
TOTAL ORZAMENTO DE INGRESOS
1.570.955,00 €
Aberta deliberación, polo Patrono D. José González Barcia, comunícase o voto en contra, con fundamento, en síntese, nas seguintes consideracións:
o Que non se lle facilitou coa debida antelación a documentación interesada, á que considera imprescindible dado o seu carácter complementario do Plan de actuación, considerando que en dito Plan deberían estar reflectidas todas e cada unha das actividades.
o Que para o funcionamento da Fundación non é necesaria a bicefalia que existe na mesma.
o Que o montante total de gastos de persoal estímase desmesurado.
o Que o Plan de actuación debería figurar cuantificado.
Pola Presidencia maniféstase, en síntese, o seguinte:
o Que o esforzo na área de persoal realizouse no pasado ano, manténdose, consecuentemente, nos mesmos termos no presuposto obxecto de deliberación.
o Que non pode falarse de bicefalia xa que existe un só Presidente, encargándose o goberno e a administración da Fundación ao Padroado.
o Que calquera Patrono ten dereito a que se lle facilite a documentación que solicite.
o Que o presuposto que se somete a aprobación é o mesmo que o do ano pasado.
O Padroado, co voto a favor de todos os Patronos asistentes, que representan o quórum de votación da maioría absoluta dos seus membros, e co voto en contra do Patrono D. José González Barcia, acordou prestar aprobación ao Plan de Actuación, Previsión das partidas de ingresos e gastos e Memoria explicativa correspondente ao período 2011.
2º. – Lectura e aprobación da acta da sesión.
Ao non haber máis asuntos que tratar, suspendese por uns momentos a sesión, procedendo o Sr. Secretario a redactar a Acta de mesma, que é lida en presenza do Padroado da Fundación TIC, aprobándose por unanimidade e sendo subscrita polo Sr. Secretario e polo Sr. Presidente.