Nota de prensa:
As previsións sitúan a licitación desta obra no mes de xaneiro do ano próximo e o comezo das obras durante o mes de maio
BALSEIRO OROL ANUNCIA QUE A XUNTA DUPLICARÁ O INVESTIMENTO DESTINADO Á REPARACIÓN E MELLORA DO EMISARIO SUBMARINO DE VIVEIRO
• Augas de Galicia, organismo autonómico dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, achegará 4,7 millóns de euros para esta actuación.
• As previsións sitúan a licitación desta obra no mes de xaneiro do ano próximo e o comezo das obras durante o mes de maio.
Viveiro, 26 de novembro de 2010.- O parlamentario do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, acompañado do presidente local desta formación política en Viveiro, César Aja, deron a coñecer en rolda de prensa que o Goberno autonómico duplicará o investimento previsto para a reparación e mellora do emisario submarino de augas residuais de Viveiro. A esta actuación destinarán o ano próximo 4,7 millóns de euros, unha cantidade que multiplica por dous a inicialmente prevista.
Segundo as previsións que manexan na Administración autonómica, a licitación do proxecto de construción do novo emisario sitúase no mes de xaneiro do ano próximo e, polo tanto, a execución das obras poderían comezar durante o mes de maio do ano 2011, superados os trámites administrativos previos coa celeridade que demanda unha actuación destas características.
A Xunta popular, con esta obra, non só avanza na corrección dunha das grandes deficiencias desta cidade no ámbito da xestión das súas augas residuais, senón tamén confirma unha aposta decidida pola protección e preservación do medio ambiente e do contorno da ría de Viveiro.
Balseiro e Aja significaron que esta é unha mostra máis de que a Xunta de Galicia está pola labor de dotar de servizos á cidade de Viviero, “indiscutiblemente de quen a goberne neste momento”. De feito Balseiro indicou que con esta obra “non se fai partidismo, senón traballar na mesma dirección en todos os concellos de Galicia e, neste caso, de xeito moi especial, en beneficio dos veciños de Viveiro”.
4,6 QUILÓMETROS DE NOVO EMISARIO
Os populares retomaron finalmente a explicación das actuacións previstas no novo emisario. Indicaron que o proxecto redactouse en agosto de 2010 pola empresa Acuática Ingeniería Civil. Conta cun prazo de execución de 8 meses, durante os que se executará unha rede de tubaxe de 4,6 km de lonxitude e a modificación do bombeo de cabeceira para que a auga entre no emisario por gravidade. O proxecto conta con informe de supervisión de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O emisario actual da depuradora é un tubo de fibrocemento de 500 mm de diámetro exterior e 3.500 m de lonxitude. O deterioro do mesmo fai que actualmente exista un punto de vertido, que rexistra valores altos de contaminación microbiolóxica , xa que o emisario recibe a través dun bombeo, ademáis do efluente da depuradora, outro efluente (residuais do núcleo de Celeiro e das industrias da zona portuaria). De feito, as prospeccións submarinas feitas nos anos 2007 e 2009 revelan o deterioro do emisario de fibrocemento, con roturas, fugas e anacos flotantes lastrados con mortos, entre outros.
Os populares explicaron finalmente que o proxecto actual inclúe a execución de varias actuacións en terra (Substitución das bombas do pozo actual, execución dunha cámara de carga, unión das tubaxes de desaugue e alivio coas tubaxes actuais) e tamén no propio emisario submarino.