Nota de prensa
O deputado popular quixo saír ao paso dalgunhas “mentiras claras” que os nacionalistas están a difundir durante os últimos meses na Mariña lucense en relación co POL e acusou ao BNG de moverse “na contradición permanente” pois en Santiago manteñen un discurso distinto do que están a defender na nosa comarca.
BALSEIRO ASEGURA QUE O POL NON AFECTA A SOLOS URBANOS CONSOLIDADOS, NIN A NÚCLEOS RURAIS, NIN A NINGÚN INMOBLE INDIVIDUALMENTE, E PERMITE AMPLIACIÓNS E ACTUACIÓNS DE CONSERVACIÓN DENTRO DO QUE DETERMINE A NORMATIVA URBANÍSTICA MUNICIPAL
* O artigo 93 da futura normativa establece de xeito tallante que o POL non deixa a ningunha vivenda fóra de ordenación, nin establece ningún tipo de expropiación ou orde de derrubo.
* As edificacións e usos legalmente implantados antes da entrada en vigor do presente Plan poderán seguir desenvolvendo a súa actividade con independencia da súa conformidade co POL, será o planeamento municipal quen estableza os parámetros e condicións para a súa reforma no futuro.
Santiago, 12 de novembro de 2010.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Baslerio Orol, asegurou que o Plan de Ordenación do Litoral (POL) non afecta a solos urbanos consolidados, ni a núcleos rurais, nin a ningún inmoble individualmente, e permite ampliacións e actuacións de conservación dentro do que determine a normativa urbanística de cada concello. Balseiro Orol quixo saír ao paso dalgunhas “mentiras claras” que os nacionalistas están a difundir durante os últimos meses na Mariña lucense en relación co POL e acusou ao BNG de moverse “na contradición permanente”, xa que “no Parlamento critican o POL porque o consideran demasiado permisivo e cun baixo nivel de protección ao tempo que nos municipios da costa afirman todo o contrario”.
O deputado popular insistiu en que “facéndose pasar por expertos en urbanismo, pero con claro descoñecemento de todos estes temas, os nacionalistas están a xerar “alarmas gratuítas en base a falsidades” sobre o obxecto e as consecuencias do POL. Balseiro Orol quixo deixar claro que “ningunha vivenda queda fóra de ordenación como consecuencia da aplicación do Plan do Litoral” pois “nin entra nas vivendas construídas, nin altera o réxime urbanístico do solo, nin expropia vivendas ou ordena demolicións” principios que aparecen establecidos de xeito tallante no artigo 93 da futura normativa. Incluso as edificacións e usos legalmente implantados antes da entrada en vigor do presente Plan poderán seguir desenvolvendo a súa actividade con independencia da súa conformidade co POL, será o planeamento municipal quen estableza os parámetros e condicións para a súa reforma no futuro.
INAPRAZABLE E NECESARIO
Balseiro sinala que acometer un plan destas características era “inaprazable e necesario”, porque sempre é necesario e inaprazable contar cun marco xurídico estable para todo o litoral galego, e protexer un espazo dos máis característicos de Galicia, “pola súa singular beleza e por ser un dos maiores atractivos que temos como país”. A exhaustividade do POL é tal, que ademais de consagrar un modelo territorial propio, non hai un só quilómetro que non estea estudado no documento. “As condicións da costa galega non son iguais en todas partes, e debemos regular o litoral con principios xerais pero coñecendo quilómetro por quilómetro a costa que temos”.
ESTUDAR AS SINGULARIDADES PALMO A PALMO
O deputado popular insistiu na idea que mantivo desde o principio baseada en que “ordenar o territorio é contrario que prohibir” e explicou este feito lembrando que a diferenza do que fixo o bipartito, que decidiu prohibir con carácter xenérico a construción en toda a franxa de costa, sen estudar palmo a palmo as singualirdades do territorio, o POL proporciona unhas regras de xogo claras, analizando concello por concello as circunstancias especiais de cada termo municipal.
VOCACIÓN DE CONSENSO E PERMANENCIA NO FUTURO
Balseiro conclúe significando que o POL constitúe o comezo “da protección real e integral da costa galega”. E nesa tarefa “na que –creo– todos coincidimos” cómpre agradecer as distintas alegacións e achegas que desde os concellos da Mariña se están a facer co obxecto de enriquecer o POL antes da súa aprobación definitiva a finais de ano. O deputado popular insiste en que desde o seu inicio este plan naceu “con vocación de consenso e de permanencia do futuro”, dous factores básicos á hora de abordar as propostas realizadas polos concellos para protexer “dun xeito harmonizado, estable e imprescindible o noso litoral, o patrimonio natural que queremos herdar ás xeracións futuras”.