NOTA DE PRENSA
O Observatorio da Mariña pola Igualdade chama á sensibilización contra a violencia machista cun pasarrúas, lectura de poemas e exposición de obras do artista mariñán Celso Dourado
Os actos terán lugar este xoves 25, a partir das 19.30 horas, en Ribadeo
No día contra a violencia machista, o Observatorio da Mariña pola Igualdade chama á sensibilización das mariñás e mariñáns cun programa de actos festivo-reivindicativos que se desenvolverán en Ribadeo.
Este xoves 25, a partir das 19.30 horas, o grupo “Tumba e Dálle” abrirá o programa cun pasarrúas pola praza do Cantón e arredores. Unha hora máis tarde, ás 20.30, a Casa do Viejo Pancho acollerá un recital poético contra a violencia de xénero, no que persoas de Ribadeo con responsabilidades no mundo da cultura, da educación ou da política lerán os poemas de Rosalía de Castro, Marica Campo, Marta Dacosta, Uxía Senlle, Helena Villar, Antía Otero ou Marilar Aleixandre. No mesmo emprazamento, terá lugar de seguido a inauguración dunha mostra de obras coa temática da violencia de xénero realizadas polo artista barreirense Celso Dourado, quen ademais intervirá no acto para falar da súa experiencia na composición das obras e do que pretende transmitir con elas. A exposición permanecerá aberta durante dúas semanas, desde o mesmo día 25 até o 10 de decembro, e poderá verse en horario de 10:00h- 13:00h e de 16:00h a 20:00h de luns a venres.
O acto rematará coa lectura dun MANIFESTO para reivindicar a reflexión e comprensión das causas que xeran este tipo de violencia, así como para avaliar os avances e aspectos pendentes.
Na actividade colabora o Concello de Ribadeo, así como o Centro Comercial Aberto de Ribadeo. Como parte tamén da sensibilización necesaria contra a violencia de xénero, nos últimos días repartíronse polos comercios ribadenses globos brancos coas iniciais das mulleres asasinadas como resultado de actitudes machistas e das desiguais relacións de xénero que perviven na nosa sociedade. Igualmente, os comercios colaborarán co Observatorio na difusión da actividade, de forma que terán dispoñíbel toda a información sobre o acto.