Site icon Crónica3.com A Mariña

O GDR reunirase cos sectores agrario e forestal para tratar problemáticas e informar de axudas

Nota de prensa

Mondoñedo, 19 de novembro de 2010

O GDR INICIA NA PRÓXIMA SEMANA UNHA ROLDA DE XUNTANZAS COS SECTORES AGRARIO E FORESTAL.

Nestas xuntanzas explicaranse as axudas destinadas a estes sectores dentro do Programa Leader 2007-2013 e trataranse as distintas problemáticas que lles afectan ou lles preocupan.

O luns da vindeira semana, día 22 de novembro, terá  lugar a primeira das xuntanzas, que se realizará  na parroquia de Sante, en Trabada ás 12 da mañá.

O GDR da comarca de A Mariña inicia na semana que vén unha rolda de contactos cos sectores agrario e forestal de cara a facilitarlles toda a información relativa ás axudas das que poden ser beneficiarios dentro do Programa Leader 2007-2013. Igualmente, os membros do GDR aproveitarán para coñecer de primeira man cal é a situación destes sectores e para poñer en común as problemáticas e preocupacións existentes no medio rural.

“O feito de ter estas xuntanzas vén determinado pola importancia estratéxica e o peso dos sectores agrario e forestal na nosa comarca”, explican desde o GDR. “Para o grupo é fundamental que estes sectores participen activamente no desenvolvemento rural e que este vaia ligado ao aumento de rendabilidade das explotacións agro-gandeiras e forestais”.

As axudas para estes sectores poden acadar o 45% de porcentaxe de subvención cunha limitación máxima de 250.000 euros.

CELEBRARANSE XUNTANZAS EN TODOS OS CONCELLOS CON EXPLOTACIÓN DESTES TIPOS.

O calendario de xuntanzas iníciase o luns, 22 de novembro ás 12 horas, na parroquia de Sante, en Trabada.

A seguinte xuntanza será o martes, 23, en Cubelas (Ribadeo) á mesma hora. E na xornada do mércores, tamén no mesmo horario,  tocaralle o turno á parroquia de San Xusto, en Barreiros. As xuntanzas chegarán a Mondoñedo o venres pola mañá, ás 12 horas, coa celebración da mesma no centro comarcal (o antigo cuartel).

Na seguinte semana o GDR visitará os concellos de Alfoz, Ourol e Xove.

Exit mobile version