Nota de prensa
O CONCELLO CONVOCA O XI CONCURSO DE POSTAIS DO NADAL ENTRE OS ESCOLARES CERVENSES
Cervo, 3 novembro de 2010.- As concellarías de Asuntos Sociais e de Cultura do Concello e Cervo veñen de convocar a XI edición do concurso de postais do Nadal para os escolares do termo municipal que cursen educación infantil e primaria.
O certame establece un único premio para os gañadores de cada unha das seguintes categorías:
* Categoría A: 3 a 5 anos
* Categoría B: 6 a 9 anos
* Categoría C: 10 a 12 anos.
As obras terán como tema o Nadal, e a súa técnica será libre. Os orixinais deberán presentarse nunha cartolina de tamaño DIN-A4 sen utilizar pegamentos. Terán que enviarse sen asinar e acompañadas dun sobre pechado, figurando no seu interior os datos persoais do autor (nome, apelidos, idade, colexio e número de teléfono de contacto).
Os traballos deberán remitirse ou entregarse na Casa da Cultura de San Ciprián ou na Casa do Concello. O prazo para presentar orixinais finalizará o vindeiro 18 de novembro.
Cos traballos recibidos o Concello ten previsto organizar unha exposición coincidindo coas vacacións de Nadal. Entre as tres postais gañadoras o Concello elixirá unha para felicitar o Nadal aos outros Concellos e Institucións. O fallo do xurado farase público a principios do vindeiro mes de decembro.