O CONCELLO DE BURELA SUBSCRIBE A DECLARACIÓN SOBRE MEMORIA COLECTIVA IMPULSADA POR DIVERSAS ENTIDADES LOCAIS GALEGAS.
Burela, 1 de novembro de 2010. Con motivo da conmemoración do Día de Defuntos, o Concello de Burela realizará mañá martes, día 2 de novembro, unha serie de actividades destinadas a lembrar a aqueles que xa non están con nós. Ditas actividades servirán tamén para dar a coñecer publicamente que o Concello subscribe a Declaración sobre Memoria Colectiva impulsada por diversas entidades locais galegas e que coincide substancialmente coa liña de traballo e os obxectivos do Modelo Burela de Planificación Lingüística. Polo momento fixérono: Santiago de Compostela, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Mondariz Balneario, Maceda, Calvos de Randín, Baltar, Castro Caldelas, Moaña, Poio, Outes, Boiro e A Fonsagrada.
Ás 6 da tarde, unha comitiva formada por representantes municipais e do grupo de Innovación Educativa do IES Perdouro visitará o cemiterio parroquial, onde será recibida por Néstor Valle Gómez (coidador dos cemiterios parroquial e municipal de Burela), quen realizará o labor de guía para explicar o patrimonio recollido en determinadas lápidas. Fillo do modesto contratista de obras –e enterrador no cemiterio parroquial- Nestor Valle Casas, Valle Gómez (Burela, 1959) leva xa desde os 13 anos atendendo os cemiterios da localidade, actividade da que se ocupa en exclusiva desde 1994 (a data na que se xubilou o pai).
Posteriormente, ás 7 da tarde, no Salón de Conferencias, será proxectado o audiovisual Palabra e Memoria, unha composición de Matías Nicieza centrada nunha exposición de fotografías de inscricións funerarias realizadas pola fotoxornalista Pepa Losada.
Durante a clausura da actividade, os representantes municipais entregaranlle a Néstor Valle Gómez un pequeno obsequio, en recoñecemento á súa constancia no labor de preservar a memoria colectiva.
Máis premios
Por outra banda, o Concello de Burela recibirá nos próximos días ao equipo de normalización do IES Perdouro para agradecerlles o traballo realizado no centro educativo ao acadar o Premio á innovación en normalización lingüística nos centros escolares.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, enviou unha carta aos equipos de normalización lingüística, á dirección e ao claustro de profesores/as, na que lles traslada “en nome propio e no da Corporación Municipal os parabéns polo voso magnífico traballo en prol da normalización do noso idioma que vén de ser recoñecido co Premio á innovación en normalización lingüística nos centros escolares. Somos conscientes de que o noso idioma avanzará grazas á vosa contribución, por iso, saudámosvos afectuosamente e agradecémosvos o traballo que vides realizando”.