Nota de prensa
O CONCELLO SORTEA UNHA CESTA DE PEIXE E MARISCO FRESCOS VALORADA EN 1.000 EUROS DENTRO DA CAMPAÑA NO NADAL CONSUME OS NOSOS PRODUTOS QUE DA COMEZO MAÑÁ 1 DE DECEMBRO.
Burela, 30 de novembro de 2010. Mañá da comezo a campaña No nadal consume os nosos produtos, que organiza un ano máis o Concello. As nove peixerías que participan nesta cita repartirán 8.000 papeletas entre os seus clientes que entrarán no sorteo dunha cesta valorada en 1.000 euros o vindeiro 30 de decembro.
No día de hoxe o alcalde, Alfredo Llano, o presidente de ABSA, Abelardo Basanta e a concelleira do Mar, Remedios López presentaban a campaña que se desenvolverá durante todo o mes de decembro “para promocionar e fomentar un ano mais o consumo dos produtos pesqueiros que se adquiran nas peixerías do municipio procedentes da lonxa de Burela”.
A edil socialista lembrou que “esta iniciativa comezou o ano 2008 por primeira vez, foi moi ben aceptada polas peixerías do municipio coas que nunca noutra ocasión se tiña traballado. Inténtase así fomentar o comercio que levará ao desenvolvemento e crecemento do pobo, apoiando a venda directa do peixe e marisco nas peixerías”. Nesta ocasión colaboran co concello: peixería PEPA, peixería CARMIÑA, peixería PEPE, peixería PASTORIZA, peixería RUBÉN, supermercados CEMAR, supermercados EROSKI, supermercados GADIS e a cetárea de mariscos David.
A edil de Mar explica que “nas nove peixerías nas que se merque un produto que se subastou na lonxa de Burela o consumidor recibirá unha papeleta para entrar no sorteo dunha magnífica cesta de peixe e marisco fresco. Esta cesta será doada por ABSA, empresa interesada sempre en apoiar as iniciativas que realiza o Concello para promocionar os seus produtos. A cesta está valorada en 1000 euros e levará os produtos mais representativos de todas as artes do noso peirao merluza do pincho, rape, rodaballo, lubina, centola, nécora…todo fresco”.
Remedios López engade que “o Concello encargarase da organización e da publicidade, repartindo entre as peixerías que participen 8000 papeletas que se poñerán a circular o día 1 de decembro, 300 carteis que os exportadores repartirán por toda Galicia e farase publicidade en prensa, radio e televisión coa única intención de fomentar o consumo e dar a coñecer os produtos pesqueiros de gran calidade que se comercializan en Burela. Tamén nesta ocasión e como novidade para este ano o Concello regalará un calendario para o 2011 a todas aquelas encargas que se fagan para a comida da noiteboa, calendario que repartirán as peixerías participantes a partir da semana entrante”.
O sorteo da cesta celebrarase o 30 de decembro ás 12 da mañá no salón de plenos do Concello de Burela, “será un acto aberto ao público e transparente, polo que invitamos a todo o mundo a participar”.