Site icon Crónica3.com A Mariña

“O comercio fai pobo, compra na túa vila” campaña do comercio de Foz que regala laminas antigas aos clientes

Nota de prensa

O VINDEIRO LUNS DARÁ COMEZO A NOVA CAMPAÑA QUE ORGANIZA ACIA BAIXO O LEMA O COMERCIO FAI POBO, COMPRA NA TÚA VILA. OS QUE MERQUEN NOS ESTABLECEMENTOS ASOCIADOS PODERÁN FACERSE CUN COLECCIONABLE DE 20 LÁMINAS DO FOZ ANTIGO.

Foz, 19 de novembro de 2010. O vindeiro luns 22 de novembro dará comezo en Foz a nova campaña que organiza ACIA baixo o lema O comercio fai pobo, compra na túa vila. Os que merquen nos establecementos asociados ao longo dos vindeiros meses poderán facerse cun coleccionable de 20 láminas do Foz antigo.

O presidente da Asociación de Comerciantes, José Carlos Paleo, explica que “a campaña se desenvolverá ao longo de todo este inverno, trátase dun coleccionable de 20 láminas que repartirá o comercio. Os clientes deberán recoller unha papeleta que terá catro casilleiros e cando estea sellada por outros tantos locais comerciais poderán facerse cunha lámina da colección, terán a posibilidade de escoller a que máis lles guste e durante estes meses os nosos veciños poden ir facéndose con todo o coleccionable, que nos parece moi interesante para ter na casa”.

Paleo sinala que “as láminas recollen desde a avenida da Mariña, o porto, a praia, zonas nas que antes non había nada construido, imaxes de cando estaban as fábricas… pensamos que escollemos 20 boas fotos para esta primeira ocasión e tentaremos seguir máis adiante”.

O presidente de ACIA Foz anuncia que “estamos recollendo tamén fotos antigas doutros concellos da zona para que a xente que veña comprar a Foz tamén poida escoller as dos seus municipios”.

A presentación desta nova campaña da Asociación de Comerciantes de Foz terá  lugar hoxe venres ás 20 horas na Casa da Cultura. No acto intervirán o presidente de ACIA, José Carlos Paleo, o alcalde de Foz, José Mª García Rivera e Xesús do Breogán. A continuación terá lugar unha proxección de imaxes antigas de Foz.

Exit mobile version