Nota de Prensa
“A Muralla no Museo / The wall-A Muralla (Peter Schneider)”
Desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación e o Museo Provincial de Lugo, ofrécennos estas dúas mostras expositivas que queren conmemorar o 10º aniversario da declaración da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
“A MURALLA NO MUSEO. PEGADAS ARQUEOLÓXICAS DA MURALLA”
Abrangue tódolos restos arqueolóxicos que, procedentes da Muralla ou da súa contorna, se poden visitar no Museo Pronvicial de Lugo, debidamente contextualizados e explicados dun xeito didáctico e divulgativo.
“THE WALL- A MURALLA”
Fotografías Peter Schneider, quen nos ofrece unha serie de fotografías nas que a Muralla se nos presenta “viva” e humanizada, como elemento de cohesión imprescindible entre a cidade e os cidadáns.
Centro de Interpretación da Mariña, CENIMA
Do 5 ao 30 de novembro de 2010.
HORARIO:
Luns a venres: 9 a 15 h. e 17 a 20 h.
Sábados: 10 a 14 h. e 16 a 21 h
Poucas dúbidas caben sobre a riqueza arqueolóxica da nosa capital como, de xeito máis extenso, a de toda a provincia. Por iso, a Deputación Provincial e o Museo Provincial, como institucións dinamizadoras, queren conmemorar o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade: Unha muralla romana pero tamén medieval, moderna e contemporánea, se temos en conta que leva xa connosco case dous mil anos.
O proxecto que presentamos, en relación con esta conmemoración, ten dúas partes: unha mostra arqueolóxica baixo o título “A Muralla no Museo” e outra de fotografía, “The Wall – A Muralla”, da que é autor Peter Schneider.
Ambas as dúas mostras serán exhibidas conxuntamente no CENIMA de Foz, do 5 ao 30 de novembro e despois, con carácter itinerante.
A primeira delas, “A Muralla no Museo”, coordinada polo Departamento de Arqueoloxía, organízase en varios bloques: a cidade e a muralla, aproximación á epigrafía e formularios epigráficos romanos e recompilación das 28 inscricións que, procedentes da muralla, se custodian no Museo, ben como materiais recollidos ou, máis recentemente, como resultado de achados que son froito de diversas intervencións arqueolóxicas. Esta información preséntase ao público en paneis con debuxos e fotografías. Todo iso baixo a idea da didáctica, da sinxela comprensión e dunha accesibilidade o máis aberta posible.
Pola súa banda, o fotógrafo alemán Peter Schneider, afincado en Lugo, preséntanos un conxunto de fotografías de gran formato e en cor. Tres visións da muralla, como apreciable legado monumental romano, como elemento construtivo inserido na paisaxe urbana e como un dos eixes sociais, lúdicos e de desfrute da cidade de Lugo. Na mostra únense as grandes panorámicas nas que a muralla e a cidade moderna se combinan en interesante contraste, con outras imaxes nas que, pola contra, pequenos obxectos resaltan contra o enorme volume do monumento.
——————————————
O Observatorio inaugura este sábado día 6 no CENIMA en Foz a exposición fotográfica“OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”
Trala inauguración, ás 18.00 horas , as fotografías poderán verse até o día 27 de novembro de luns a sábado en horario de maña e tarde.
Logo de percorrer ao longo deste ano 2010 diferentes concellos e vilas da comarca da Mariña, a exposición “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, chega a vila focega este mes coa presentación das mellores fotografías de todas as participantes nesta iniciativa posta en marcha pola entidade durante o ano 2009.
É un proxecto colectivo que ten por obxecto visibilizar e valorizar o papel e a contribución das mulleres á sociedade actual, a partires dun curso de fotografía dixital. A mostra pon de relevancia a riqueza das experiencias vitais das mulleres mariñás. Porque na Mariña, coma no resto do mundo, hai tantas olladas femininas como mulleres. Deste xeito analizamos a vida cotiá das mulleres, a forma de relacionarse, de afrontar os problemas, optimizar ó máximo o tempo, compatibilizar o traballo na casa e fóra dela, a vida social e cómo ter tempo e paciencia para amosar afecto e sensibilidade para aqueles que dependen delas. Unha visión da muller na vida diaria que sacara á luz a maior parte das múltiples actividades que realizan cada día, e que moitas veces quedan infravaloradas ou invisibilizadas.
A exposición consta de 34 fotografías en cartón-pluma tamaño grande, o que a converte nun xeito moi interesante de achegarse ás diferentes OLLADAS DE MULLERES que teñen as moi diversas mulleres da Mariña.
Esta exposición terá lugar no CENIMA (Paseo da Ribeira, s/n), onde se celebrará a súa inauguración o vindeiro sábado 6 de novembro, a partir das 18.00 horas,no acto participarán a concelleira de Asuntos sociais, emigración, xuventude, deporte e muller, Rosa Alonso Rodríguez, xunto á equipa directiva do Observatorio representada en Loli García Docobo e Carolina García Chico.
Após da inauguración, a mostra fotográfica poderá verse desde o día 6 de novembro até o 27 do mesmo mes, en horario de luns a venres de 9 a 15.00 e 17 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14.00 e de 16 a 21.00.