Nota e prensa
O BURELA FSF VOLVE Á COMPETICIÓN ANTE O NOVEL ORVINA
O Burela FSF Pescados Rubén regresa á competición este sábado na pista do CD Orvina KE, conxunto que loita por adaptarse á categoría na súa primeira tempada na elite, dende os postos baixos. O pavillón pamplonés Ezkaba acollerá a oitava xornada entre navarras e burelás a partir das 19.30 horas.
Tras a semana de descanso da División de Honra, o cadro laranxa encara esta cita con novos ánimos, recuperado da carga física, para non desprenderse do ecuador clasificatorio e asentarse nas prazas de Copa; as pupilas de Javier Pardeiro ostentan a sétima praza, con 10 puntos, empatadas co sexto, Cajasur Córdoba, e o oitavo, Natudelia.com Zaragoza. O Orvina, pola contra, é penúltimo; un só punto o distancia do farol vermello, o Campillos (3).
Nesta xornada, as burelistas encontraranse cun rival xa coñecido, co que xa compartiron a División de Prata hai dúas tempadas, cuxa forza, ata o momento, reside na casa. Os 4 puntos das pamplonesas son froito dun empate, ante o UCAM Murcia (2-2), e unha vitoria, ante o Zaragoza (4-3); na última cita perderon por un contundente 5-1 en Valladolid.
Derbi galego. Vista Alegre acollerá o segundo derbi galego da tempada na décimo terceira xornada, ante o Cidade das Burgas, o 13 de novembro.