O BURELA FSF DEFENDE A SEXTA PRAZA EN DUELO DIRECTO ANTE O FEMESALA ELCHE
O Burela FSF Pescados Rubén defenderá mañá a súa actual sexta praza en duelo directo ante o Femesala Elche. A cita de Vista Alegre arrancará, coma de costume, ás 18.30 horas.
O cadro mariñán intentará aproveitar a dinámica positiva e facer valer o factor cancha na undécima xornada, nun encontro moi complicado. O punto que separa as laranxas (17) das valencianas (16) contribuirá cunha dose extra de rivalidade.
Aínda que as sobrecargas de boa parte do vestiario burelista dificultaron os adestramentos, o equipo mariñán intentará finalizar a súa preparación nas mellores condicións cara á cita da bomboneira. As pupilas de Javier Pardeiro medirán as súas forzas cun equipo dos valentes, fiel ao sistema de catro, que destaca pola mobilidade das xogadoras e unha defensa adiantada con moita presión.
O histórico Femesala recalará en Burela coa importante ausencia de Txitxo, por sanción. O bo comezo das valencianas caeu ferido de gravidade nas xornadas sexta e sétima ante os de arriba, os intratables Móstoles e Ponte Ourense, aos que a escuadra de Maravillas Sansano tivo contra as cordas ata o final pero sen poder superalos (0-1 e 6-5). Tras estes resultados, o Elche puido recuperarse feblemente co Rioja (3-1), pero volveron os marcadores en contra; agora mesmo encadea as derrotas do Zaragoza (8-3) e Valladolid (2-3).
Torneo Mundial Feminino
A meta do Burela FSF Jozi de Oliveira perderá esta xornada polas obrigas coa Selección Brasileira e o I Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino (Madrid, 6-11 decembro).
A xogadora, concentrada dende hoxe co seu combinado na rexión de Fortaleza, asumirá a súa sétima cita coa camisola ‘canarinha’ coma se fora a primeira convocatoria. “Vou coa mesma ilusión que en 2005, aínda que espero ter a tranquilidade da experiencia; neste tempo a selección cambiou moito, pero para min son todas as compañeiras coñecidas, ben do meu anterior equipo, o Kinderman, ben como rivais”. Jozi afronta esta nova chamada cun extra de motivación polas expectativas depositadas na cita internacional: “Este primeiro mundial é un paso moi importante de cara ao Campionato do Mundo oficial da FIFA; os profesionais do fútbol sala esperamos que este tipo de iniciativas creen os cimentos para que algún día se recoñeza como deporte olímpico”.
A gardameta laranxa deixou Burela cunha aposta clara para a final. “Coma a maioría das quinielas, eu aposto por unha final España-Brasil, cun encontro moi igualado onde a diferenza seguramente estea no aspecto psicolóxico. Para nós é un gran reto porque temos ao combinado español como referencia”.