Site icon Crónica3.com A Mariña

O Buela FS mídese ao favorito Puertollano en duelo directo entre a terceira e a cuarta praza

O BURELA MÍDESE AO FAVORITO PUERTOLLANO EN DUELO DIRECTO

Por segunda vez na tempada reaparece a esgotadora xornada de Prata entre semana. Tras a incontestable vitoria ante o Zamora (5-1) e con dous días escasos para recuperar alento, o Burela FS medirase mañá ao favorito Puertollano en duelo directo entre a terceira e a cuarta praza.

A partir das 20.30 horas, o pavillón Antonio Rivilla acollerá o encontro por excelencia da décimo segunda xornada. O sábado pasado, o cadro laranxa (24 puntos) aproveitou as circunstancias e puido desbancar da terceira praza os puertollanenses (23), que veñen de recoller a súa primeira derrota da tempada, en Navarra (3-0), e xa gozaron da xornada de descanso. Os burelistas xogarán todas as súas cartas ante un dos autodeclarados como candidatos ao ascenso, para non deixar escapar uns puntos moi valiosos; unha vitoria proporcionaríalles aos laranxas a seguridade do podio antes do descanso, ademais dunha substancial aproximación ao segundo clasificado, Ribera Navarra (27 puntos), sen cita nesta xornada.

Alicientes non lle faltarán a este duelo e, ademais, ben recentes. Castelano-manchegos e galegos coñécense de nada máis e nada menos que do play off 2009-10. Puertollano e Burela FS cruzáronse na segunda eliminatoria da fase, cos marcadores do Antonio Rivilla a favor para os primeiros (6-4 e 3-0) e o de Vista Alegre para os segundos (5-2). A proximidade na táboa volverá facer revivir a emoción entre os grandes nomes de David Ramos e a solidez do grupo de Suso Rey, combinando xuventude e veteranía.

O cadro laranxa xa puido adestrar ao completo esta mañá en Puertollano, a excepción do lesionado Víctor Cachón.

Descanso. Os burelistas gozarán da xornada de descanso o próximo sábado; retomarán a competición o 20 de novembro, na pista doutro dos de arriba, o OPDE Ribera Navarra.

Exit mobile version