Nota de prensa:
O BNG SACOU ADIANTE UNHA MOCIÓN PARA A EXECUTAR O DRAGADO DA PRESA DE RÚA INCLUIDO NO PROXECTO INICIAL QUE A XUNTA ACTUAL SE NEGA AGORA A EXECUTAR
Raquel Arias anunciara esta obra o pasado día 5 de novembro nunha visita a Cervo cando non existe consignación orzamentaria para 2011
O BNG pídelle ao PP que se aclare e esixe a Balseiro que poña o seu voto ao servizo dos veciños de Cervo apoiando unha emenda nacionalista aos orzamentos 2011 para executar a obra
Cervo, 26 de novembro de 2010. O BNG sacou adiante no pleno de onte coa abstención do PP unha moción que esixía a consignación económica nos orzamentos 2011 para execución do dragado da presa de Rúa que o goberno da Xunta se nega a manter no proxecto de abastecemento aos concellos de Cervo e Burela como estaba inicialmente. Os nacionalistas criticaron os anuncios para a galería do PP que mediante a Delegada Provincial, Raquel Arias anunciaba nunha visita o cinco de novembro a execución desta obra mentres nos orzamentos autonómicos para 2011 non existe partida algunha para a súa execución. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa esixiu a Balseiro que poña o seu voto ao servizo dos veciños de Cervo e apoie unha emenda do BNG a estes orzamentos para a execución do dragado no 2011.
Non dragar a presa de Rúa provocará incrementos moi importantes no prezo da auga que pagará a cidadanía de Cervo e Burela.
Coa abstención do PP e o apoio da oposición municipal, o BNG sacou adiante no pleno de Cervo a iniciativa para que a Xunta consigne partidas económicas para a execución no ano 2011 do dragado da presa de Rúa, cunha capacidade diminuída nun 50% por acumulación de lodos, tal como estaba previsto no proxecto de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela. Os nacionalistas lembran que coa presa nesta situación dificilmente vai haber un abastecemento de calidade e por gravidade aos dous concellos polo que haberá que acudir a bombeos dende o pantano de Río Covo provocando un importante incremento no prezo do subministro. Xoán Estúa, portavoz municipal, “criticou o silencio do alcalde e a negativa a defender os intereses dos veciños e veciñas de Cervo diante da decisión da Xunta de non acometer a obra.”
Piden a Balseiro que poña o seu voto ao servizo dos veciños apoiando unha emenda do BNG aos orzamentos 2011 para executar a obra.
“Estúa pediu ao PP que se aclare” xa que, “mentres a Delegada Territorial da Xunta Raquel Arias anunciaba nunha recente visita a Cervo que esta obra se vai acometer, os orzamentos autonómicos non contemplan partida algunha para a súa execución”. Os nacionalistas pediron a Balseiro que corrixa esta situación, “vai ter ocasión de facelo apoiando unha emenda do BNG aos orzamentos 2011 para executar a obra do contrario estará poñendo por diante o interese persoal negando o dos seus propios veciños e veciñas”.
O PP negouse a apoiar o debate dunha moción de urxencia para protexer zonas residenciais no peirao de San Cibrao con perigo de derrube despois do paso do Becki.
Os nacionalistas instaban ao goberno local a facer xestións para aproveitar a obra que Portos de Galicia acometerá no peirao San Cibrao para repoñer a escollera executando medidas de protección e seguridade que eviten o perigo de derrube que corren actualmente estas vivendas. Os nacionalistas lembraron que para a reparación dos danos producidos “xa existe unha orde de axudas de carácter estatal que xa foi tramitada por algún dos propietarios”, “mais iso non quere dicir que dende o goberno galego non execute medidas protectoras fronte a futuros episodios meteorolóxicos adversos”