Nota de prensa
O BNG RECLAMA QUE A IDENTIFICACIÓN DO GANDO GALEGO SEXA EFECTUADA POR VETERINARIOS COMO ATÉ AGORA
a identificación do seu gando
Antón Bao cargou contra o novo sistema porque “obriga aos gandeiros a realizaren eles mesmos a identificación, compromete a trazabilidade da carne e elimina o control dos veterinarios cualificados”
Lugo, 10 de novembro de 2010. Esta mañá, Antón Bao e Antonio Veiga, responsábeis comarcais do BNG en Lugo-Centro e na Mariña, respectivamente, encabezaron a comitiva de apoio do BNG á manifestación, que tivo lugar esta mañá diante do edificio multiusos da Xunta en Lugo coa presenza de máis de 200 persoas, convocada pola CIG, FRUGA e o colectivo de veterinarios identificadores da empresa SEAGA para protestar polo ERE de extinción de emprego que lles afecta a estes últimos, e que ten presentado a empresa da Xunta, SEAGA, como consecuencia do cambio de sistema de identificación de gando. Co ERE que presentou a empresa SEAGA, a Xunta pretende o despedimento da totalidade dos veterinarios identificadores, eliminando así o servizo de asistencia, control e identificación do gando que estaban a prestar, é dicir, os veterinarios identificadores que na actualidade continuaban na empresa SEAGA, uníndose aos demais traballadores e traballadoras que foron despedidos ao rematar a campaña.
Antón Bao, responsábel comarcal do BNG en Lugo, considera “un erro” a decisión da Consellaría do Medio Rural do goberno galego xa que “suprime un servizo esencial para os gandeiros lucenses” de cara a “poder contar cun servizo directo e con profesionais que acudían ás explotacións para realizar as tarefas de identificación que requiría a lexislación”. Ademais, Antón Bao fixo fincapé en que a nova fórmula de identificación do gando que introduce a Xunta de Galiza, “pode ter consecuencias á hora de comprobar e controlar eficazmente a trazabilidade da carne, que era o máximo garante da calidade do produto galego xa que cumpría coas máximas esixencias en materia de sanidade animal para produtos de alimentación”. Neste sentido, Antón Bao sinalou que a nivel europeo a carne galega contaba con axudas precisamente polo alto nivel de control á que estaba sometida polo que o novo sistema “pode poñer en dúbida a calidade ou as garantías desta carne e facer que a Unión Europea retire estas axudas”.
O responsábel comarcal do BNG en Lugo, Antón Bao, defendeu as reivindicacións efectuadas polos sindicatos e o colectivo de veterinarios e reclamou que a Xunta de Galiza rectifique a súa postura e manteña o servizo de identificación do gando en Galiza como se realizaba até agora por parte dos profesionais veterinarios, xa que doutra maneira, ademais de eliminar os postos de traballo que o colectivo de veterinarios reclama, o novo sistema de identificación minguará o control sobre a produción cárnica galega, o que forzosamente afectará á trazabilidade e garantías sanitarias da carne.