Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG informou en San Cibrao sobre a situación da sanidade publica e chamou a manifestarse o domingo en Compostela

Nota de prensa
O BNG INFORMOU EN SAN CIBRAO SOBRE A SITUACIÓN DA SANIDADE PUBLICA E CHAMOU A MANIFESTARSE O DOMINGO EN COMPOSTELA

Moitos veciños e veciñas de Cervo sofren as consecuencias da política sanitaria do PP: mais listas de espera, privatizacións e peor servizo

Estúa denuncia o caso dun veciño que tivo que desprazarse a Coruña para unha simple operación de fimoses

Cervo, 18 de novembro de 2010. O BNG cervense informou hoxe no mercado de San Cibrao sobre a situación da sanidade pública e fixo un chamamento á participación na manifestación que a Plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA da que forma parte o BNG entre outros moitos colectivos sociais que sairá ás 12 da mañá da Alameda Compostelán o próximo domingo 21 de novembro. Os nacionalistas denunciaron o deterioro intencionado do servizo sanitario público a favor da sanidade privada dentro dun modelo que o PP está a executar que xa está a ter graves consecuencias entre os cidadáns e cidadás de Cervo.

Os centros de saúde acusan a falta de persoal e o Hospital da Costa á cabeza do país nas listas de espera e nos recortes orzamentarios no ano 2011.

Os nacionalistas denunciaron que no Centro de Saúde de San Cibrao segue sen cubrirse unha praza de persoal de Servizos Xerais ao paralizar o goberno do PP o Plan Mellora que levaría a cubrir 24 prazas pendentes na área Sanitaria da Mariña. Na mesma liña de recorte de investimentos en sanidade pública, 183 millóns menos en relación ao orzamento de 2010,  advertiron que cun Hospital da Costa que está á cabeza do país nos recortes de investimento en relación a 2010, e normal que a cidadanía se alarme cando ademais ve como para simples probas ou operacións de escasa entidade deben facer desprazamentos de mais de 300 quilómetros. O Portavoz municipal nacionalista Xoás Estúa puxo o exemplo dun veciño “que tivo que desprazarse á Coruña para facer unha simple operación de fimosis” , “para Estúa coa xestión que o PP está a facer da sanidade pública imos camiño de volver 30 anos atrás mentres algúns sacan boa tallada do negocio sanitario”

Chamamento a unha mobilización necesaria e plenamente xustificada

Os nacionalistas cervenses fixeron un chamamento a participar da manifestación que a plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA ten convocada o próximo domingo en Compostela e convidaron a reservar prazas nos autobuses que partirán da comarca nos teléfonos 982581861, 982129261 e 982561001. Os mariñaos e mariñás teñen sobradas razóns para participar xa que nesta mobilización estámonos xogando  que o Hospital da Costa siga a ser un centro hospitalario de referencia que manteña os servizos sanitarios ou que pase a ser un ambulatorio grande tal como ten deseñado a Xunta de Galiza”. “É o momento de obrigar ao PP a rectificar a súa política sanitaria”recalcou Estua que indicou que “con ver o Decreto de Reorganización dos Servizos periféricos do SERGAS ou o diñeiro que nas contas públicas para 2011 destina a Xunta ao Hospital da Costa”.

Por último, para o BNG de Cervo “as políticas do Partido Popular en materia de sanidade levan á privatización, ao estrago de recursos públicos e, á larga, a un peor servizo sanitario para todos e todas”. As consecuencias do drástico recorte do Goberno de Feijóo en gasto social  están á vista de todos e todas: máis listas de espera, privatizacións e empeoramento do servizo con consecuencias que os veciños e veciñas de Cervo xa están sufrindo.

Exit mobile version