Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pide no Concello o arranxo das estradas

Nota de prensa:
O BNG de Xove pide no Concello o arranxo das estradas

O Bloque pedirálle hoxe ao goberno xovense un esforzo meirande na xestión para arranxar as estradas do municipio. Desde o BNG pensan que o enfrontamento entre populares e socialistas provoca un prexuízo que pagan os veciños das diferentes parroquias de Xove: “uns polos outros a casa sen varrer”, afirmaron os nacionalistas.

Desde o BNG describiron a situación como un “suspenso do executivo local na asignatura de Xestión Pública”, polo que o grupo municipal do Bloque solicitará que se asfalten as estradas e que se traballe na busca dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación: “gobernar é dialogar para atopar puntos de encontro”, afirmou Marco López.

O cargo orgánico do Bloque advertiu con preocupación que, nun tema tan importante, o PP local solicitara a mellora dos preto de 50 km. de estradas do municipio unicamente por escrito, no canto de entrevistarse tamén co Delegado Provincial de Obras. Esta non lle parece ao responsábel local do BNG a maneira “máis intelixente” de axilizar a mellora da rede viaria municipal.

O nacionalista advertiu que a situación das estradas que vertebran o municipio “tamén son responsabilidade do PP local”. López declarou que aos veciños das parroquias non lles importa a quen pertence a rede viaria, o que lles proe é que o goberno do Concello “se espabile” e “lles dea o servizo que lles ten que dar”.

O Bloque xovense censurou que os populares utilicen de escudo os cidadáns, intentando agochar a ineficaz xestión do goberno local neste tema. Nesta liña, Marco López incidiu en que, se o que de verdade importa é acadar uns mellores servizos para Xove, o PP debería dirixir os seus esforzos cara a ese fin e non a confrontar os veciños de Xove cos de Viveiro utilizando o “argumento de patio de colexio” de que a uns lles asfaltan as estradas e a outros non.

Exit mobile version