Nota de prensa
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
Desde o BNG de Ribadeo queremos facer un chamamento para participar, este domingo 21 de novembro na manifestación en defensa da sanidade pública que se vai celebrar en Santiago de Compostela.
Dun ou outro xeito, todos estamos a sufrir as consecuencias dunha política sanitaria do goberno do PP que pouco a pouco vai diminuíndo os recursos asignados á sanidade pública. Na nosa comarca ben sabemos dos intentos por baleirar de contido o hospital comarcal.
Para mostrar o noso rexeitamento a estas políticas antisociais, o BNG vai apoiar, entre outros moitos colectivos sociais, a manifestación que vai saír da Alameda de Santiago, este domingo 21 de novembro ás 12:00 h.
Non debemos esquecer que en apenas dous anos, o Goberno do PP quitoulle máis de 220 millóns de euros á sanidade pública
Os nacionalistas denunciamos que en apenas dous anos o Goberno do PP quitoulle á sanidade pública 221 millóns de euros: 38 nos orzamentos para 2010 e 183 millóns que lle quitou nos orzamentos para o vindeiro ano.
As consecuencias dese drástico recorte do Goberno de Feijóo en gasto social están á vista de todos e todas: máis listas de espera, ningunha construción de centro sanitario e aprazamento sen data da construción de novos hospitais, como os de Vigo ou Pontevedra.
Ademais, e o que é máis grave, para o BNG o Partido Popular está a aproveitar a crise económica para privatizar a sanidade pública galega, entregándolla aos bancos e empresas construtoras, en definitiva ao capital privado para facer negocio, coas nefastas consecuencias que isto terá para un país como Galiza, onde temos unha poboación envellecida e pensións e salarios baixos.
Isto xa o estamos a ver, por exemplo, no novo hospital de Vigo, que o Goberno de Feijoo entregou ao capital privado para que sexa el quen o constrúa, a pesar de que sairá moito máis caro que se o construíse a administración pública, que se verá obrigada a pagar durante máis de 30 anos un canon millonario á empresa construtora.
En definitiva, para o BNG, as políticas do Partido Popular en materia de sanidade levan á privatización, ao estrago de recursos públicos e, á larga, a un peor servizo sanitario para todos e todas.
Por todo iso, os nacionalistas chamamos a todos os ribadenses e mariñáns a participar o próximo domingo en Santiago na manifestación en defensa da sanidade pública e contra as políticas privatizadoras e incompetentes do Goberno do Partido Popular.