Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita que o PP inclúa nos orzamentos do 2011 obras prioritarias para o concello

Nota de prensa

O BNG DE FOZ SOLICITA QUE O PP INCLÚA NOS ORZAMENTOS DO 2011 OBRAS PRIORITARIAS PARA O CONCELLO

A maioría das inversións solicitadas son de servizos sociais como a Residencia, o servizo de urxencias ou a ampliación da escola infantil

Foz, a 5 de novembro de 2010.- O BNG de Foz acaba de remitir ao seu Grupo Parlamentar as emendas aos Orzamentos da Xunta para o ano 2011 para que se inclúan nos mesmos a realización de obras totalmente prioritarias para o Concello. A maioría destas obras son de carácter social e xa estaban comprometidas pola Xunta en distintas lexislaturas.

A primeira das emendas fai referencia á construcción dunha Residencia dotada de Centro de Día, xustificada entre outras razóns pola gran demanda de prazas existente na vila, por ser Foz o único concello sen este servizo, por estar comprometida polo anterior goberno da Xunta e por estar ademais avalada esta petición por todos os grupos da corporación municipal. A partida orzamentaria coa que se dota esta proposta sería de 800.000 euros coa previsión de comezar as obras no próximo ano e telas rematadas no horizonte de 2013.

As outras dúas emendas prioritarias que o BNG presenta están ligadas ás melloras sanitarias. Unha delas sería dotar ao Centro de Saúde co servizo de urxencias que a Foz se lle negou no seu momento por motivos estrictamente partidistas. O servizo de urxencias a parte de ser unha demanda veciñal reiterada no tempo aparécese como un servizo necesario para unha poboación que está a altura de outras localidades que si o teñen como Ribadeo, Viveiro ou Mondoñedo. Coa dotación deste servizo de urxencias conseguiríase desconxestionar o PAC de Burela, cada vez máis masificado e mellora a asistencia sanitaria na Mariña. A outra das emendas vai destinada a ratificar, a través da asignación de partidas, o servizo de ambulancia medicalizada que ten a súa base en Foz, dado que non aparece reflectida nin na Memoria nin nos propios Orzamentos. A dotación orzamentaria prevista destinada a estes servizos fan un total de 750.000 euros.

Así mesmo, o BNG propón unha emenda que ten que ver cos servizos de benestar e que acaba de ser aprobada por todos os grupos municipais no último pleno: a ampliación da Escola Infantil e que consiste en acondicionar o piso superior do edificio e pechar a terraza. Estas obras teñen un custe aproximado de 200.000 € e significaría poder darlle este servizo educativo e asistencial ás 26 familias que están en lista de agarda.

Finalmente, tamén se inclúen outras partidas que aínda que menores significarían a creación de emprego e impulsar o atractivo turístico e comercial de Foz. Entre elas está a creación dun Centro Comercial Aberto, unha iniciativa avalada pola ACIA de Foz pero que non conta coa vontade política da Xunta ao eliminar as axudas a estes programas. Para este fin o BNG propón achegar a cantidade de 100.000 euros. E outra das emendas é poñer en marcha o Centro de Interpretación do Románico na Casa Reitoral de San Martiño de Mondoñedo, obra que está xa rematada e que só falta dotala de persoal e mobiliario. A emenda vai acompañada dunha partida de outros 100.000 euros.

Como emenda derradeira está a construcción de 50 vivendas de protección pública cunha dotación de 300.000 euros, para facilitar o acceso á vivenda de moitas familias e xoves que non teñen esta posibilidade ademais de crear emprego nun sector moi castigado pola crise económica.

En definitiva, o BNG presenta unhas emendas que en vez de recortar en servizos públicos e sociais inviste neles como única alternativa de manter e ampliar o estado de benestar e de crear postos de traballo no noso Concello. Esperamos sinceiramente que a maioría destas propostas vaian adiante por ser, entre outras razóns, moi necesarias e estar avaladas por todos os partidos, incluído o PP.

Exit mobile version