Nota de prensa
O BNG DE FOZ SOLICITA A DEVOLUCIÓN DO CANON DIXITAL ABONADO POLO CONCELLO AO SGAE
“Segundo a sentenza do Tribunal Europeo, o canon estábase cobrando inxustamente”
Foz, 20 de novembro de 2010.- O BNG leva unha moción ao próximo pleno co fin de reclamar a devolución do canon dixital xa abonado ás empresas proveedoras e ás entidades que o xestionan, unha vez que se cuantifiquen as cantidades totais abonadas polo Concello de Foz.
A Orde PRE/1743/2008, de 18 de xuño, estabeleceu a relación de equipos, aparellos electrónicos e outros soportes materiais suxeitos ao pagamento da compensación equitativa por copia privada, as cantidades aplicábeis a cada un deles e a distribución entre as diferentes modalidades de reprodución. Compensación que a cidadanía coñece como “canon dixital”, de pagamento obrigado para todos os usuarios e usuarias dos devanditos equipos e soportes electrónicos.
No pasado mes de outubro a Sala Terceira do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditou sentencia firme a respecto do canon dixital, fallando que “a aplicación indiscriminada do canon por copia privada, en particular en relación cos equipos, aparatos e soportes de reprodución dixital que non se puxeran a disposición de usuarios e usuarias privados e que estean manifestamente reservados a usos distintos á realización de copias privadas, non resulta conforme á Directiva 2001/29”; isto é, que o chamado canon dixital non pode cobrarse ás administracións públicas.
O Concello de Foz utiliza un importante número de equipos e dispositivos afectados todos eles polo canon dixital e que se utilizan exclusivamente para as funcións relacionadas coas actividades que lle son propias e cos contidos xerados polo propio Concello. Actividades que non teñen nada que ver cos contidos suxeitos a dereitos de propiedade intelectual.
Para o BNG e tendo en conta o escenario actual, cunha situación económica precaria dos concellos, resulta intolerable que por enriba fosen penalizados con este canon totalmente improcedente e inxusto e a favor dunhas entidades de xestión de dereitos de autor (como a SGAE) moi lonxe de ser transparentes e cuns métodos de actuación extensivamente cuestionados.
En agarda da transposición á lexislación do Estado da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea o BNG solicita para aprobar en Pleno as seguintes propostas:
1. Proceder á cuantificación das cantidades abonadas en concepto de canon dixital correspondente aos soportes e equipos adquiridos polo Concello, empresas municipais e outras entidades dependentes dende a entrada en vigor da Orde PRE/1743/2008 até a transposición á lexislación estatal da sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo.
2. Reclamar, ás empresas provedores e ás entidades de xestión de dereitos de propiedade intelectual, a devolución do canon dixital xa abonado resultante da citada cuantificación.
3. Instar á Xunta de Galiza a que actúe como referente para outras administracións e empresas afectadas e, xa que logo, poña en marcha os mecanismos necesarios para reclamarlle ás entidades de xestión de dereitos da propiedade intelectual a devolución das cantidades abonadas pola Administración galega en concepto do canon dixital.